A finalidade desta convocatoria da Xunta de Galicia, que conta coa cofinanciación da Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-27, é fomentar o emprendemento na nosa Comunidade Autónoma apoiando ás persoas desempregadas que queiran desenvolver unha actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia a través de dúas liñas de axudas, compatibles entre sí:
- A liña 1, que contempla unha subvención para facer fronte aos gastos de inicio da actividade e o mantemento do emprego da persoa traballadora autónoma.
- A liña 2, que consiste nunha axuda equivalente ao custo da cota reducida das cotas de autónomos (tarifa plana) durante os primeiros 12 meses da actividade.
Beneficiarios:
Poden ser beneficiarias as persoas que se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e do 29 de setembro de 2024 e que desenvolvan a súa actividade en Galicia, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
Para liña 1:
- Estar desempregado e inscrito como demandante de emprego no momento da alta como autónomo.
- Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da subvención e non ter ningunha alta como autónomo nos tres anos anteriores, salvo que a dita alta fose como persoa autónoma colaboradora.
Quedan excluídas desta liña as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, os administradores e as persoas autónomas colaboradoras.
Para liña 2:
- Ser beneficiario da cota reducida (tarifa plana) do RETA no momento da solicitude. Para máis información acerca da tarifa plana visita o seguinte artigo.
- Estar desempregado e inscrito como demandante de emprego no momento da alta como autónomo.
- Esta liña tamén é aplicable para persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado e administradores desta. Neste caso, a empresa na que se incorporen deberá ser de nova creación (inicio da actividade empresarial a partir do 30 de setembro de 2023).
As persoas solicitantes deben estar de alta no imposto de actividades económicas e ter domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude de axuda. Ademais, deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Exclusións:
- Quedan excluídas as persoas socias de sociedades mercantís, laborais, os administradores e os autónomos colaboradores
- As persoas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
- Non poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego
Contía das axudas:
Para liña 1
- Axuda de 2.000 € para persoas desempregadas en xeral
- Axuda de 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
- Persoas menores de 30 anos
- Persoas desempregadas de longa duración
- Persoas desempregadas con discapacidade ou en situación de dependencia
- Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social
- Persoas desempregadas que teña a condición de emigrante retornada
- Persoas desempregadas que teñan a condición de extranxeiros
- Persoas maiores de 52 anos
A contía base correspondente incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:
- Se a persoa incorporada é unha muller
- No caso de que o centro de traballo da persoa autónoma estea situado nun concello rural
- Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra g do anterior apartado)
- Persoas trans
- Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións
A contía máxima das axudas de aplicárense todos os incrementos é de 7.000 €
Para liña 2
A contía da axuda será o equivalente a 12 meses de cota reducida (aproximadamente 80€ x 12 = 960 €)
Incompatibilidades:
Liña 1:
- Será incompatible coas axudas de programas de promoción de emprego autónomo, cos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade.
- Será incompatible coas axudas comprendidas no Programa Nova Oportunidade que se convoque no ano 2024 co Programa Emega 2024, así como outras que poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego.
- As axudas deste programa serán compatibles coas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2024 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes.
Obrigas:
Entre outras, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:
- Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención
- Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentación debidamente auditados. Manter rexistros contables independentes que permita seguir un seguimento de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027
- Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un período de 2 anos para beneficiarios da liña 1 e un ano para beneficiarios da liña 2, salvo excepcións moi determinadas
- Manter durante 1 ano a forma xurídica elixida pola que se lle concedeu a subvención
- Débese conservar todos os documentos xustificativo durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se reciba o pago das axudas
- Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
- Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se efectúen
- Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación: Os espazos nos que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración“Cofinanciado pola Unión Europea” nun cartel A3 (tamaño mínimo), ou unha pantalla electrónica equivalente, con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descripción da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, mencionando os obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión Europea
Prazo de solicitude:
O prazo para a presentar a solicitude das axudas estará aberto desde o 16 de xaneiro de 2024 ata o 30 de setembro de 2024
Importante:
Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, polo que deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 € no período de tres anos previos
Máis información:
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR341D
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axudana tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.