Que é a Tarifa Plana para Autónomos?
É unha medida posta en marcha polo Ministerio de Seguridade Social que busca fomentar o autoemprego e axudar ás persoas emprendedoras para dar os seus primeiros pasos mediante o pago dunha cota reducida de Seguridade social (80 €/mes) no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) durante os primeiros 12 meses de actividade.
En realidade, a cota que pagará a persoa autónoma durante o primeiro ano será de aproximadamente 87 euros, xa que no 2023 introduciuse un novo concepto de cotización que afecta tanto a traballadores por conta propia como a asalariados, o Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) co obxectivo de fortalecer o sistema de pensións, e que este ano se incrementa respecto ao 2023 (supón unha porcentaxe adicional do 0,7%) .
Quen pode solicitala?
As persoas que se dean de alta por conta propia no RETA durante 2024 poderán solicitar a aplicación da tarifa plana (80 €/mes) se cumpren as seguintes condicións:
- Que non estiveran de alta no RETA nos dous últimos anos nin fosen beneficiarios dunha Tarifa Plana nos últimos tres anos.
- Non ter débedas coa Seguridade Social ou coa Facenda Pública.
Tamén poderán ser beneficiarios da tarifa plana os autónomos societarios coas mesmas condicións.
Non poderán solicitar a tarifa plana os autónomos colaboradores (neste caso hai posibilidade a outro tipo de bonificacións).
Ampliacións da tarifa plana e casos especiais:
- Ampliación Tarifa Plana segundo ano: Os beneficiarios da tarifa plana poderán solicitar a prórroga da tarifa plana durante outros 12 meses máis, sempre que o rendemento anual do negocio non supere o Salario Mínimo Interprofesional (SMI). A prórroga deberá solicitarse expresamente antes de que venza o período de aplicación da tarifa plana inicial (12 meses dende a alta) dende o portal da Seguridade Social Importass.
- Tarifa para colectivos especiais: As persoas cunha discapacidade superior ao 33 % ou vítimas de violencia de xénero ou de terrorismo terán a cota reducida de 80€/mes durante os dous primeiros anos. Tras este período, se o rendemento neto do negocio non supera o SMI, poderán solicitar a aplicación dunha cota mensual reducida de 160 € durante os seguintes tres anos. É dicir, poderán beneficiarse de cotas reducidas ata un máximo de cinco anos.
- Tarifa para Autónomos en Pluriactividade: Un autónomo en pluriactividade é unha persoa que traballa á vez por conta allea e por conta propia. Estas persoas poderán optar entre a tarifa plana ou un desconto na súa cotización para os próximos tres anos, do seguinte xeito
- Para autónomos a xornada completa por conta allea: Os primeiros 18 meses poderán beneficiarse dun desconto na cotización do 50 % e os seguintes 18 meses o desconto será do 25 %.
- Para autónomos a xornada parcial por conta allea: Os primeiros 18 meses poden solicitar un desconto na cotizacións do 25 % e os seguintes 18 meses o desconto será do 15%.
Como solicitar a Tarifa Plana Autónomos?
A Tarifa Plana de Autónomos solicítase na Seguridade Social no momento de darse de alta como autónomos, marcando a opción no correspondente formulario, e sempre e cando se cumpran os requisitos.