O programa ES-Transforma e de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica.
Entidades beneficiarias
Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a seguir:
- Constitución por ausencia de remuda xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora.
- Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
- Constitución por transformación:
- Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude. Esta transformación será acordada pola Xunta Xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría esixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará necesariamente o cumprimento de todos os requisitos esixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
- Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa logo de adopción, elevación a públicos e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral, ou logo de adopción, elevación a públicos e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.
Conceptos subvencionables
- Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación (art. 1).
- Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
- Obtención de certificacións de calidade.
- Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
- Plan de protección de datos.
- Equipamento informático.
- Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
- Mellora na eficiencia enerxética.
- Adquisición de equipamento.
- Reforma do local de negocio.
- Mobiliario.
- Elementos de transporte.
Contía
1. A contía da axuda será equivalente ao 90 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
- 4.000 € para o gastos de asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral (art. 6).
- 5.000 € para cada un dos gastos (incluídos nos conceptos 2,3,4 e 5 do art.6):
- Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
- Obtención de certificacións de calidade.
- Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
- Plan de protección de datos.
- Establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria.
2. A contía da axuda do número 1 deste artigo poderá incrementarse en 3.000 € por cada unha das condicións que se cumpra das que se sinalan a continuación, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria:
- 3.000 € no caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.
- 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por mulleres.
- 3.000 € no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se encontren subrepresentadas.
- 3.000 € no caso das entidades que estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.
- 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.
- 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.
- 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.
- 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de setembro de 2023 ou ata o esgotamento do crédito.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.