O obxecto desta convocatoria é regular a concesión directa de subvencións ás salas de exhibición cinematográfica en España para subvencionar parte do prezo das entradas destinadas a persoas de 65 ou máis anos, de modo que poidan acceder a unha película polo prezo reducido de 2 euros, un día á semana, durante un ano completo. Esta axuda busca fomentar o acceso ao cine da poboación maior de 65 anos, impulsar o envellecemento activo e saudable e promover a diversidade cultural.
Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas, incluídas as entidades sen ánimo de lucro, que sexan titulares de salas de exhibición cinematográfica ou complexos cinematográficos en España, cos seguintes requisitos:
- Deben estar inscritas no Rexistro Administrativo de Empresas Cinematográficas do ICAA antes da publicación do decreto.
- Deben establecer un día á semana un prezo reducido de 2 euros por entrada para persoas de 65 anos ou máis.
- Non deben ter establecido xa ese prezo reducido de forma permanente nese día.
Exclusións: non poderán acceder a estas axudas as salas de titularidade pública.
Actividades subvencionables
Será obxecto de subvención, a implantación dun sistema de prezo reducido dunha película por 2 euros, un día á semana, durante un ano. Este prezo aplicarase tanto á compra en billeteira como por medios electrónicos e deberá afectar a todas as películas e sesións ordinarias programadas ese día, agás aquelas que se proxecten en pantallas con tecnoloxías especiais que leven suplemento no prezo (que poden quedar excluídas e deben indicarse expresamente).
Non serán subvencionables:
- As salas que xa ofrezan ese prezo reducido ou inferior ese día.
- As proxeccións de películas cualificadas como «X».
Contía da subvención
A subvención cubrirá a diferenza entre o prezo ordinario da entrada (sen IVE) e os 2 euros pagados pola persoa beneficiaria, cun máximo de 4 euros por entrada. A sala terá que asumir a diferenza restante.
A contía individual para cada sala calcularase en función do número previsto de entradas vendidas a 2 euros, segundo datos de campañas anteriores ou o aforo.
Prazo de solicitudes
Dende o 16 de maio de 2025 ata o 26 de maio de 2025.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: código 9387
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.