SUBVENCIÓNS A ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS PARA ACTUACIÓNS  DE EMBELECEMENTO DO LITORAL GALEGO

Se tes un establecemento turístico de aloxamento ou de restauración situado nalgún dos municipios costeiros de Galicia e estas rexistrado no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia) estas axudas interésanche.

Persoas beneficiarias 

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). Son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

  1. Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.
  1. As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares).

As persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Os datos que figuren no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación deberán coincidir cos datos facilitados polo solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, esta condición deberá acreditarse coa presentación da solicitude.

Actuacións subvencionables

Pódense diferenciar dúas liñas de acción:

  1. Liña 1: tecnoloxías ambientais.
  2. Liña 2: mellora da fachada turística do litoral.

Non serán subvencionables as seguintes actividades:

  • As actividades relacionadas cos combustibles fósiles, incluída a utilización ulterior destes, excepto os proxectos no marco desta medida relacionados coa xeración de electricidade e/ou calor utilizando gas natural, así como coa infraestrutura de transporte e distribución conexa, que cumpran as condicións establecidas no anexo III.
  • As actividades no marco do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE) en relación coas cales se prevexa que as emisións de gases de efecto invernadoiro que van provocar non se situarán por debaixo dos parámetros de referencia pertinentes
  • As actividades relacionadas con vertedoiros de residuos, incineradoras e plantas de tratamento mecánico-biolóxico.
  • As actividades en que a eliminación a longo prazo de residuos poida causar danos ao ambiente. 

Gastos subvencionables

Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a continuación:

  1. Liña 1: tecnoloxías ambientais.
  • Creación de contornas que prioricen a luz natural. Inclúe a remodelación das fachadas, substitución de paredes por cristaleiras, instalación de ventás nas cubertas, instalación de túneles solares e instalación de cortinas finas ou translúcidas.
  • Instalación de láminas de control solar nas fiestras, contribuíndo á mellora do comportamento enerxético do edificio.
  • Construción de invernadoiros acaroados e de azoteas e terrazas verdes para crear un «efecto toldo», contribuíndo a unha redución no uso dos sistemas de calefacción e climatización e a mellora ambiental.
  • Instalación de sistemas de aproveitamento da auga. Inclúe a instalación de tanques soterrados modulares, a instalación de filtros de auga nas baixantes, así como outros sistemas de aproveitamento de augas residuais ou que reduzan as verteduras ao ambiente.
  1. Liña 2: mellora da fachada do litoral galego.
  • Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, como fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, formigón ou morteiro de cemento.
  • Renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.
  • Considerarase como deficiente estado de conservación aquel en que estean os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascado, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntamento.
  • Remate ou renovación do acabamento exterior de cubertas. Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte, remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
  • Revestimento dos muros de cerramento da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir. Inclúe a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais. Neste caso as actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos. Poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas.

Considerarase subvencionable o IVE cando non sexa recuperable pola persoa solicitante.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023.

Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras.

O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase a persoa solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.

Cuantía

A intensidade da axuda para a:

  1. Liña 1, tecnoloxías ambientais, será ata un 90 % do custo total subvencionable do proxecto. O importe máximo da axuda por proxecto será de 60.000 €.
  1. Liña 2, mellora da fachada turística do litoral, será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto. O importe máximo da axuda por proxecto será de 55.000 €.

Prazo 

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 26 de maio de 2023.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 

Acceder ao procedemento de tramitación:

  •  Código de procedemento TU503F

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *