A Xunta de Galicia abre o prazo para solicitar as axudas do “Programa Nova Oportunidade”, dirixido a persoas que volvan a emprender un negocio como traballadoras autónomas tras o cese dunha actividade anterior coa finalidade de facilitar a volta á actividade económica da persoa emprendendora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou diferente sector.
A través deste programa, a persoa desempregada que se dea de alta novamente no réxime de autónomos, poderá recibir unha axuda económica (bono alta Nova oportunidade) para facilitarlle a posta en marcha do novo negocio.
Beneficiarios e requisitos
Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas autónomas que xa o foran con anterioridade, que queiran volver emprender e cumpran os seguintes requisitos:
- Darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período comprendido entre o 31 de outubro de 2023 e o 30 de outubro de 2024.
- Ter iniciada a nova actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
- Ter a última alta como autónomo antes desta nova alta, dentro dos últimos 3 anos a contar dende o 22 de xaneiro de 2024.
- Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Estar inscrita como persoa demandante de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación (segundo vida laboral), non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA no momento da tramitación e durante un tempo mínimo de 24 meses desde a nova alta.
- Transcorrer un período mínimo de 6 meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
- Ter o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia, con anterioridade á nova alta, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
- Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Tamén poderán acollerse a estas axudas, nas mesma condicións, as persoas traballadoras autónomas ou por conta propia cando formen parte de comunidade de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e con data posterior ao 31 de outubro de 2023.
Exclusións
Quedan excluídas destas axudas:
- Persoas traballadoras autónomas que xa foron beneficiarias anterioriormente desta axuda.
- Persoas traballadoras autónomas membros de entidades de economía social.
- Persoas autónomas administradoras que non acrediten participación na empresa ou negocio.
- Persoas autónomas colaboradoras e os membros das sociedades mercantís e sociedades laborais.
Contía
A contía de axuda do bono alta Nova oportunidade será de 7.500 €, que se incrementará en 500 € se a beneficiaria é unha muller.
Incompatibilidade con outras axudas
As axudas do programa Nova Oportunidade 2024 serán incompatibles coas axudas dos seguintes programas:
- Axudas á promoción do emprego autónomo (TR341D) convocadas para 2023 e 2024.
- Programa Emega (SI429A) para 2024.
- Programa I de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) do programa Aprol-Economía social convocadas para o exercicio 2024.
- Programa de incentivos ás IEBTs (TR340E).
- Orde de promoción do autoemprego das persoas galegas retornadas (PR937A) para os exercicios 2023 e 2024.
- Axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administración públicas.
Non obstante, serán compatibles con:
- As axudas do Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (TR802J) do programa de Aprol-Economía social.
- Axudas outorgadas polo Igape dentro do programa Re-acciona para o ano 2024.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende o 23 de Xaneiro de 2024 ata o 31 de Outubro de 2024. (Non obstante, hai que ter en conta que as axudas concederanse por orde de presentación de documentación completa ata esgotar fondos).
Máis información
Código de procedemento de tramitación: TR790A
INFORMACIÓN ADICIONAL IMPORTANTE (!)
- Segundo o artigo 14 da orde da convocatoria é necesario presentar coa solicitude da axuda a seguinte documentación que acredite a posta en marcha da actividade: facturas de compra de maquinaria, de alugueiro, de compra de mercadorías ou calquera outro documento que acredite suficientemente a actividade e a posta en marcha da empresa ou do negocio.
- É requisito imprescindible manter a actividade para a que se solicita a axuda (permanecer de alta no RETA ou na mutualidad de colexio profesional) durante un tempo mínimo de 24 meses desde a súa alta como persoa traballadora autónoma, salvo cesamente por causas alleas á súa vontade.
- Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.