PROGRAMA EMPREGO AUTÓNOMO 2025 (TR341D)

Se te deches de alta como autónomo recentemente ou estás pensando en lanzar o teu propio proxecto como persoa autónoma, este programa é para ti! A Xunta de Galicia pon en marcha un ano máis o “Programa de emprego autónomo e cota cero” para apoiar o autoemprego. En función do colectivo ao que pertenzas podes acadar unha axuda de ata 7.000 €

Este programa, que conta con cofinanciamento europeo no marco do PROGRAMA FSE + Galicia 2021-27,  busca fomentar o emprendemento apoiando ás persoas desempregadas que queiran comezar unha actividade profesional ou empresarial en Galicia por conta propia, a través de dúas liñas de axuda, compatibles entre si:

  • A liña 1, que contempla unha subvención para facer fronte aos gastos de inicio da actividade e o mantemento do emprego da persoa traballadora autónoma.
  • A liña 2, que consiste nunha axuda equivalente ao custo da cota reducida das cotas de autónomos (tarifa plana) durante os primeiros 12 meses da actividade.  

BENEFICIARIOS

As persoas que se dean de alta por conta propia no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional  entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, sempre que cumpran as seguintes condicións:

  • Para a liña 1:
    • Estar inscrito como demandante de emprego ou mediante certificado da mutua no momento da alta como autónomo.
    • Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da subvención e non ter ningunha alta como autónomo nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, salvo que a dita alta fose como persoa autónoma colaboradora.
    • Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.
    • Desenvolver a actividade empresarial en Galicia.
    • Ter domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.

Quedan excluídas desta liña as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, os administradores e as persoas autónomas colaboradoras.

  • Para a liña 2:
    • Ser beneficiario da cota reducida (tarifa plana) no momento da solicitude. 
    • Estar desempregado e inscrito como demandante de emprego ou mediante certificado da mutua no momento da alta como autónomo.
    • Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da subvención
    • Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.
    • Desenvolver a actividade empresarial en Galicia.
    • Ter domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.
    • No suposto de persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado e administradores desta, as entidades deberán ser de nova creación (ter iniciado a actividade empresarial a partir do 30 de setembro de 2024, segundo a data que figure no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, na data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria).

As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.   

CONTÍA DAS AXUDAS

No caso da liña 1  (axuda para o inicio de actividade), as contías serán::

  • 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
  • 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
    • Persoas menores de 30 anos.
    • Persoas desempregadas de longa duración.
    • Persoas desempregadas con discapacidade ou en situación de dependencia.
    • Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.
    • Persoas desempregadas que teña a condición de emigrante retornada.
    • Persoas desempregadas que teñan a condición de estranxeira.
    • Persoas maiores de 52 anos.

A contía base anterior incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:

  • Se a persoa incorporada é unha muller.
  • No caso de que o centro de traballo da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
  • Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra G do anterior apartado)
  • Persoas trans.
  • Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións.

Estes cinco incrementos son acumulativos, sendo a contía máxima de axuda, de aplicarse todas as subas, de 7.000 €.

No caso da liña 2 (cota cero):

A contía de axuda será o resultado de multiplicar a cota reducida de autónomos por 12 meses (80 € x 12 = 960 €).

INCOMPATIBILIDADES

A convocatoria establece as seguintes restricións:

No caso da Liña 1, estas axudas son incompatibles con outras subvencións destinadas ao fomento da alta como traballador autónomo, así como con programas de fomento de cooperativas, emprego en sociedades laborais, iniciativas de emprego de base tecnolóxica, integración laboral de persoas con discapacidade, co programa Nova Oportunidade 2025 e co programa Emega 2025. Tamén é incompatible con calquera outra axuda pública que teña a mesma finalidade.

No caso da liña 2, estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención pública dirixida á mesma finalidade.

Non obstante, ambas liñas de axudas serán compatibles coas convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración en 2025, destinadas a fomentar o autoemprego e a actividade emprendedora en Galicia dos emigrantes retornados e dos seus descendentes *.

* Considérase emigrante retornado aqueles nacidos en Galicia que, tendo residido fóra de España, regresen para establecerse na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, inclúense nesta categoría os cónxuxes ou persoas con unión análoga á unión matrimonial, así como os descendentes en primeiro grao de persoas galegas nacidas en Galicia e residentes no estranxeiro, sempre que tamén regresen e se establezan en Galicia.

PRAZO

O prazo para a presentación da solicitude de axudas estará aberto desde o 24 de xaneiro de 2025 ata o 30 de setembro de 2025.

OBRIGAS

Entre outras, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:

  • Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
  • Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentación debidamente auditados. Manter rexistros contables independentes que permita seguir un seguimento de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
  • Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un período de 24 meses para beneficiarios da liña 1 e 12 meses para beneficiarios da liña 2, salvo excepcións moi determinadas.
  • Manter durante 12 mese a forma xurídica elixida pola que se lle concedeu a subvención.
  • Débese conservar todos os documentos xustificativo durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se reciba o pago das axudas.
  • Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se efectúen.
  • Cumprir coas medidas de visibilidadetransparencia e comunicación: Os espazos nos que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración “Cofinanciado pola Unión Europea” nun cartel A3 (tamaño mínimo), ou unha pantalla electrónica equivalente, con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descripción da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, mencionando os obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión Europea.

IMPORTANTE

As axudas resolveranse por orde de entrada da solicitude completa no rexistro  ata o esgotamento dos fondos.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, polo que deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 € nun período de 3 anos.

MÁIS INFORMACIÓN

Consulta a ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 20212027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR341D

Infografía

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *