A Consellería de Emprego ven de publicar as bases e a convocatoria para 2024 deste programa de axudas, en réxime de concorrencia non competititiva, para financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
BENEFICIARIOS
- Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos no Rexistro administrativo de centros especiais de emprego de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.
- As empresas de inserción, debidamente inscritas no Rexistro de empresas de inserción de Galicia que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social.
- As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal en Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
- As empresas que teñan 50 ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos ao 2 % de traballadores/as con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras.
Requisitos que deberán cumprir os centros especiais de emprego e empresas de inserción:
- Contar no seu cadro persoal con persoas preparadoras laborais especializadas e dispor de recursos matierias necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
- Desenvolver actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios/as.
ACCIÓNS SUBVENCIONABLES
- Custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores/as laborais que levan a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos nas entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio.
- As seguintes accións de emprego con apoio:
- Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa de traballo un programa de adaptación ao posto de traballo.
- Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, a empresa empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
- Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias.
- Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
- Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo.
- Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
PERSOAS DESTINATARIAS FINAIS
As persoas que reciben as accións de apoio prestadas polas persoas preparadoras laborais serán traballadores/as con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que figuren inscritas nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados ou procedentes de centros especiais de emprego ou persoas procedentes de centros especiais de emprego ou persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes de empresas de inserción. Tamén serán beneficiarias as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria que es atopen nalgún dos seguintes supostos:
- Persoas con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade:
- Igual ou superior ao 65 %
- Superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
- Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
- Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
- Persoas en situación ou en risco de exclusión social recoñecido polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia que non teñan ningunha das discapacidades indicadas anteriormente.
- Persoas con capacidade intelectual límite.
REQUISITOS DOS PREPARADORES E PREPARADORAS LABORAIS
Deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente a acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral.
O tempo de atención a cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo de dita persoa traballadora que se relaciona a continuación:
- Un terzo no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.
- Un quinto no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
- Un oitavo no caso de persoas traballadoras:
- Con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
- Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social.
- Un doceavo no caso de persoas con capacidade intelectual límite.
Cando unha mesma persoa preparadora laboral lle preste apoio a máis dunha persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada unha das ditas persoas traballadoras.
CONTÍA DAS AXUDAS
Os incentivos previstos nesta orde para financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais dentro do período subvencionable que abranga entre o 1/10/2023 e o 30/09/2024 correspondendo os seguintes importes:
- 8.500 € anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña a.1 do artigo 8, contratadas a xornada completa.
- 3.500 € anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas liñas b.c.d. art 8, contratada a xornada completa.
- 1.650 € anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña e. Art 8, contratada a xornada completa.
A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas co tipo e grao indicados no art 8.
A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.
Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, segundo se dean as seguintes circunstancias, acumulables entre si, na persoa preparadora laboral contratada:
- Un 25 %, se é unha muller.
- Un 25 %, se é persoa maior de 45 anos.
- Un 25 %, se é persoa emigrante retornada ou estranxeira.
- Un 25 %, no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural.
- Un 25 %, se é persoa trans.
INCOMPATIBILIDADES
En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro deste programa poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % dos custos laborais e de seguridade social da persoa preparadora laboral subvencionada.
No caso de empresas de inserción, as axudas ao emprego con apoio serán incompatibles coas axudas por persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción que se establecen nas bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción (código de procedemento TR356A) e ás súas entidades promotoras.
Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.
PRAZO DE SOLICITUDE
O prazo para solicitar as axudas deste programa permanecerá aberto dende o 6 de xuño ata o 30 de setembro de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR342A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axudana tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.