A finalidade desta convocatoria da Xunta de Galicia é favorecer a creación de novo emprego e o crecemento de pequenas empresas postas en marcha polas persoas autónomas, a través de dous tipos de axudas compatibles entre si:
- Bono de contratación indefinida
- Bono de formación
PERSOAS BENEFICIARIAS
Persoas traballadoras autónomas ou profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
ACCIÓNS SUBVENCIONABLES
1. Bono de contratación. Subvención para a primeira, segunda e terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma.
As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Que as persoas contratadas sexan desempregadas.
- Que as contratacións se realicen no período comprendido entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, ambas as dúas datas incluídas.
- Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.
- Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego a través da aplicación Contrat@.
A contratación deberá ser indefinida inicial (incluídos fixos descontinuos). O período de actividade do contrato fixo descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.
O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial.
Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non haxa outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.
Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da empresa, unha (para a 2ª contratación) ou dúas (para a 3ª) persoas contratadas indefinidas.
2. Bono de formación (opcional). Consistirá nunha subvención para a realización de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto no apartado anterior, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e habilidades relacionadas co posto de traballo.
Para iso téñense que cumprir os seguintes requisitos:
- A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación.
- A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo.
- A acción formativa terá lugar dentro dos tres meses seguintes á data da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2024.
Queda excluída destes incentivos aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva.
CONTÍAS DAS AXUDAS
1. Bono de incentivos á contratación:
As contratacións indefinidas iniciais terán os seguintes incentivos:
– Para a primeira persoa traballadora indefinida desempregada: con carácter xeral, 7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Muller
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Maiores de 52 anos.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social.
- Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.
– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000 €, con carácter xeral. A contía será de 11.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Muller.
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Maiores de 52 anos.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social.
- Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.
Os incentivos sinalados no punto anterior incrementaranse nun 15% nos seguintes casos, que son acumulables entre sí:
- Centro de traballo (ou domicilio fiscal no caso de carecer deste) da persoa autónoma situado nun concello rural.
- Persoas maiores de 45 anos (non aplicable no caso de que a axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 anos).
- Persoas trans.
- Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio de Emprego.
Deste xeito, as contías máximas posibles, de se aplicaren todos os incrementos, serían:
- Para a primeira persoa traballadora indefinida: 14.400 €.
- Para a segunda e a terceira persoa traballadora indefinida: 17.600 €.
Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade mínimo de 6 meses).
2. Bono de incentivos á formación:
Axuda de 4.000 € por cada persoa traballadora que reciba a formación e cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación.
EXCLUSIÓNS:
- Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma actividade nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
- Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran, tampouco os autónomos colaboradores.
- Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego.
PRAZO
As solicitudes de subvención poderán presentarse desde o 5 febreiro ata o 30 de setembro de 2024.
INFORMACIÓN ADICIONAL A TER EN CONTA
Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.
Os beneficiarios terán a obriga de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de 36 meses.
As axudas concederanse por orde de presentación de solicitudes (considerando a data na que se teña presentado a documentación completa requirida nas bases), ata o esgotamento de crédito.
MÁIS INFORMACIÓN
ACCESO AO PROCEDEMENTO DE TRAMITACIÓN (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO):TR349F
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66. O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.