BONO REMUDA 2024: AXUDAS PARA O FOMENTO DA REMUDA XERACIONAL DE NEGOCIOS

Gustaríache emprender nun negocio xa en funcionamento e con viabilidade económica? Infórmate sobre esta liña de axudas enmarcada dentro do PLAN REMUDA da Xunta de Galicia, coas que se pretende facilitarlles ás persoas interesadas a oportunidade de xestionar unha empresa xa consolidada que se traspase por falta de remuda xeracional.

A Consellería de Emprego publica esta nova convocatoria de axudas do Bono Remuda, en concorrencia non competitiva, para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional, coa finalidade de evitar o peche de negocios por falta de remuda e garantir o mantemento de negocios como dinamizadores do territorio e xeradores de riqueza e emprego. Ao mesmo tempo, ofrécelle ás persoas interesadas a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio viable economicamente.

A remuda deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024

O Bono Remuda recolle dúas liñas de actuación:

Liña 1:  Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, dotada con 1.000.000 euros.

Liña 2: Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 5.000 ou máis habitantes, dotada con 500.000 euros.

PERSOAS BENEFICIARIAS E REQUISITOS

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, persoas mutualistas e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:

  • O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo en Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.
  • Que non teña transcorrido máis de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA e no IAE da persoa titular do negocio, e que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local.
  • Que o negocio ou a actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia.
  • Que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública no cal deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato. No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, deberá ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria.
  • Que se realice o cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente.
  • As beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.

Ademais, a remuda que se subvenciona nesta orde ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.

  • Ter unha idade próxima de xubilación.
  • Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.

Para ser beneficiario/a é necesario presentar un plan de negocio segundo o modelo do anexo II, acompañado dun informe de valoración de calquera das asociacións de persoas profesionais autónomas máis representativas en Galicia coas que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración establecerá o correspondente acordo de colaboración para tal efecto, ou por calquera dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia (http://polosemprendemento.gal/. 

As persoas beneficiarias deben manter a alta no imposto sobre actividades económicas da localidade onde vaia a desenvolver a actividade económica durante 3 anos desde a data da escritura do contrato de remuda.

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES E CONTÍA DAS AXUDAS

O Bono Remuda subvenciona un porcentaxe do prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda do negocio/actividade. A porcentaxe aplicada varía segundo a liña de axuda:

  • Na liña 1: Bono remuda rural, subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.
  • Na liña 2: Bono remuda xeral, subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.

No caso de que a persoa beneficiaria da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou os medios produtivos, o importe para percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugamento. Neste caso, o importe mensual do alugamento deberá figurar no contrato de remuda.

No caso de traspaso dunha sociedade e cando a remuda non inclúa a totalidade de participacións da sociedade, o importe da axuda será proporcional á porcentaxe de participación obxecto de remuda.

A intensidade (porcentaxe) da axuda, en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si:

  • Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.
  • Que a persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.
  • Que a persoa que adquire o negocio teña os 52 anos feitos na data da solicitude.
  • Que o negocio que se traspasa teña máis de 5 traballadores.

Igualmente a axuda incrementarase nun 10 % máis cando se dea algún destes casos:

  • Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.
  • Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.
  • Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade en que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no DOGA.

A contía máxima subvencionable por remuda (negocio) será de 30.000 €.

Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024.

Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

INCOMPATIBILIDADES

As axudas establecidas nesta orde serán incompatibles coas axudas convocadas para o ano 2024 no procedemento TR802R Es-Transforma, coas axudas ao emprendemento  do procedemento TR880A do ano 2023 e 2024 e coas axudas outorgadas polos mesmos conceptos e gastos.

Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

Ata o 30 de outubro de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 23 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios.

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR353D

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *