AXUDAS DO PROGRAMA FEMPA 2025

Axudas destinadas a impulsar a sustentabilidade, competitividade e innovación na pesca, acuicultura e transformación de produtos do mar. Estas subvencións están dirixidas a profesionais, empresas e entidades do sector que busquen mellorar os seus procesos, incorporar novas tecnoloxías ou promover a economía azul. Aproveita esta oportunidade para fortalecer o teu proxecto.

O obxecto desta orde é regular a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos dentro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar para os Grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Están cofinanciadas con fondos FEMPA nun 70% e con fondos da Xunta de Galicia nun 30%.

Beneficiarios  

  • Pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas
  • Persoas xurídicas sen ánimo de lucro:
  • Confrarías de pescadores e as súas federacións
  • Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións
  • Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro
  • Entidades públicas locais
  • Asociacións declaradas de utilidade pública
  • Entidades sen ánimo de lucro

Requisitos adicionais:

A) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP. No caso da comarca de Vigo, pertencen ao GALP Ría de Vigo-A Guarda os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona e a Guarda.

B) Cando o beneficiario sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate de solicitude.

C)En municipios densamente poboados onde a EDLP só inclúa a poboación do sector pesqueiro (como pode ser o caso de Vigo), poderán ser beneficiarias as sociedades de capital con domicilio no municipio e actividade no sector pesqueiro, así como persoas do sector e os seus familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Proxecto subvencionables

Para seren subvencionables, os proxectos e actuacións presentados deberán acadar algún dos seguintes obxectivos:

  1. Fomento do valor, emprego e innovación no sector pesqueiro e acuícola, impulsando a participación das mulleres, a atracción de mozos e a mellora da imaxe dos seus produtos na cultura alimentaria local.
  2. Impulso da economía azul mediante a diversificación, a formación continua e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.
  3. Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.
  4. Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.
  5. Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

Gastos subvencionables e condicionantes

  • As accións e proxectos previstos débense corresponder con accións subvencionables, segundo o disposto no  Regulamento (UE) 2021/1139, a súa normativa de aplicación e desenvolvemento, e no programa do FEMPA.
  • Ademais, deben axustarse a unha serie de requisitos, como efectuarse ao longo da duración da acción ou do programa de traballo, estar consignados no orzamento estimado do proxecto, ser necesarios para a execución do proxecto, constar na contabilidade, cumprir co disposto na lexislación fiscal e social, ser razoables e óptimos.
  • Poderán subvencionarse os custos de persoal contratado especificamente para a execución das actividades do proxecto.
  • Poderán subvencionarse investimentos en centros sociais, así como o seu acondicionamento e equipamento, a contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 80.000 euros.
  • No caso de elementos de transporte terrestre,exclusivamente aqueles que conten con distintivo ambiental etiqueta 0 emisións, azul (eléctricos de batería (BEV), eléctricos de autonomía estendida (REEV), eléctricos híbridos enchufables (PHEV) ou etiqueta eco: vehículos híbridos, gas ou ambos.
  • Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, nin antes da realización da acta de non inicio (ANI), agás o informe de técnico competente relativo á protección fronte ao cambio climático no caso de infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, que poderá ser de ata un ano anterior á data límite de solicitude.
  • Os bens deberán ser adquiridos polo/a beneficiario/a en propiedade. Serán subvencionables os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra de activos subvencionables.
  • En infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de 5 anos, asegurarase a protección ou defensa fronte ao cambio climático dos investimentos. Isto aplícase a novas infraestruturas, así como á renovación, mellora ou ampliación das existentes que sexan apoiadas polo FEMPA.
  • Unicamente as persoas xurídicas sen ánimo de lucro poderán subcontratar totalmente a execución dos proxectos.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes finaliza o 21 de marzo de 2025.

Máis información

ORDE do 12 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2025 (código de procedemento PE155A).

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: PE155A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co GALP Ría de Vigo-A Guarda, chamando aos teléfonos 986 35 81 09 ou 646 87 31 06.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *