Se tes menores ao teu cargo, de ata doce anos incluídos, e tes necesidades puntuais de conciliación durante os períodos das vacacións escolares, por estar traballando, ben sexa por conta allea ou por conta propia, podes solicitar as axudas do Bono Concilia Familia 2026 que a Xunta de Galicia acaba de publicar.
A través desta convocatoria poderán concederse axudas ás familias residentes en Galicia con nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2026.
A efectos desta orde, entenderanse como vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2026:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 16, 17 e 18 de febreiro.
– Do 30 de marzo ao 6 de abril.
– Do 20 de xuño ao 8 de setembro.
As axudas previstas nesta orde tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva (por orde de presentación de solicitudes).
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas axudas os pais/nais e as persoas titoras de nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
No suposto de solicitudes da axuda por enfermidade ou accidente da nena ou neno e/o por necesidades de conciliación da vida privado, familiar e laboral en períodos de vacacións escolares, ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental terán que estar a traballar. Para os efectos deste apartado, as situacións de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez dun dos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental equiparanse a esta situación. Nos supostos de custodia compartida, este requisito de estar a traballar entenderase referido ao tempo no que esta custodia se exerza efectivamente, acreditando que nese período de tempo correspóndelle a garda e custodia á persoa que solicita a axuda; nestes casos, cada pai/nai deberá presentar unha solicitude individual.
Exclusións: Non poderán obter a axuda quen incorra nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007.
Actividades subvencionable
Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar que están nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a seguir se relacionan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención da nena ou neno pola persoa coidadora habitual.
b) Necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental non poidan facerse cargo da atención da nena ou neno por motivos laborais.
Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas de ata doce anos de idade nos supostos previstos no número anterior:
1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar, de forma temporal, para o coidado da nena ou neno.
2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica privada, para a atención das nenas e nenos nos períodos de vacacións escolares.
Contía das axudas
A axuda poderá acadar ata o 100% do custo das actividades ou actuacións previstas no apartado anterior, de acordo co seguinte cadro:
| Porcentaxe máximo | Perfil familiar | Límite máximo |
| Ata o 100% do coste | Familias numerosas, monoparental, acolledoras, con garda con fins adoptivos, con fillo/a con discapacidade ≥33 % ou vítimas de violencia de xénero | 500€ por unidade familiar (atención domicilio/empregada) 200€ por cada neno/a (servizos/campamentos) |
| Ata o 75% do coste | Resto de familias | Mesmos límites |
OLLO: Só se pode presentar unha solicitude por neno/a e por un único tipo de gasto (excepto custodia compartida).
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 9 de setembro de 2026 e finalizará o día 9 de outubro de 2026 ás 14.00 horas.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: Código de procedemento BS412A.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír á información proporcionada nos documentos oficiais.

