O Igape convoca estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, co fin de apoiar a implantación de proxectos de dixitalización nas pemes, coa finalidade de implantar solucións que acheguen soporte dixital aos procesos dunha empresa. Inclúense proxectos que favorezan a interconexión dixital entre unha empresa galega e outras, ou entre dúas ou máis empresas galegas. Estas axudas abarcan, entre outros, iniciativas como sistemas de facturación, fabricación distribuída ou coordinación entre líderes industriais e as súas pemes.
BENEFICIARIOS
Serán beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas, incluidas as persoas autónomas, que conten cun centro de traballo en Galicia onde se realice o proxecto.
Existen dous tipos de proxectos: individuais e colectivos. No caso dos colectivos, as persoas interesadas deberán constituir previamente unha agrupación con, al menos, dúas pemes.
MODALIDADES DE PROXECTOS
A. Proxectos individuais, nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
- Desenvolvemento de interfaces dixitais para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
- Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), e melloras en ciberseguridade.
- Implantación de sistemas de dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral, tales como ERP, CRM e similares.
- Mellora da función loxística da empresa, a través da implantación de solucións dixitais, nalgunha das seguintes áreas: dixitalización e automatización, procesos e aplicacións e virtualización e analítica de datos.
B. Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador, aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
- Implantación dun sistema dixital común para mellorar as interaccións dixitais entre elas.
- Sistemas colectivos de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares).
- Implantación dun sistema de dixitalización de procesos ou de xestión integral deseñado para as empresas que participen no proxecto colectivo.
- Implantación dun sistema común para mellorar a función loxística.
Ademais, os proxectos clasificaranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:
- Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable menor de 50.000 €.
- Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000 € e 120.000€.
- Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000 €.
REQUISITOS DOS PROXECTOS SUBVENCIONABLES
- Os proxectos non poderán estar iniciados antes da presentación da solicitude de subvención e deberán estar finalizados para poder optar ao cobramento da subvención.
- Os proxectos ou actuación deberán ser técnica, económica e finaceiramente viables.
- Todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).
- O importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 euros para os proxectos individuais e de 10.000 euros por participante para os proxectos colectivos.
- As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % do importe subvencionable.
- O prazo de execución dos proxectos de transformación dixital das pemes non poderá superar o 30 de xuño de 2026.
So serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración conxunta.
CONCEPTOS SUBVENCIONABLES
Serán subvencionables os seguintes tipos de conceptos:
- Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade necesarios para o progreso do proxecto.
- Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica e consultoría directamente relacionada coa execución do proxecto.
- Nos proxectos colectivos, os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.500€ por cada peme beneficiaria participante no proxecto, cun máximo de 6.000€ por proxecto.
- Nos proxectos individuais que sexan coordinados por un hub de innovación dixital, cun importe subvencionable igual ou superior a 60.000 €, excluídos os gastos de coordinación do hub, subvencionarase ata un máximo de 6.000 €.
- Para aqueles proxectos en que as colaboracións externas ou ben a adquisición de activos inmateriais supere os 30.000 € ou a suma de investimentos e colaboracións supere os 45.000 € será subvencionable o informe dun enxeñeiro colexiado cualificado, ata un importe de 2.000 €.
O IVE non se considerará gasto subvencionable.
OBRIGAS
- Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos pola persoa beneficiaria en propiedade.
- Se o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supera as contías establecidas, a persoa benenficiaria deberá solicitar polo menos tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación.
- O investimento deberá incluirse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.
- No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador 4) formar parte dos activos da empresa beneficiaria e permanecer vinculados co proxecto para o que se concede a axuda durante polo menos tres anos.
- Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos diretivos e xestores.
- Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o importe de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.
- Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial.
CONTÍA
A porcentaxe de subvención, no caso dos investimentos materiais e inmateriais, será do 35% para as pequenas empresas e dun 25 % para as medianas empresas.
A subvención será do 50 % dos gastos en servizos de consultoría subvencionables para pequenas e medianas empresas.
PRAZO SUSPENDIDO
Por incidencias técnicas da nova plataforma tecnolóxica do IGAPE, queda anulado o prazo de presentación. Mantémonos pendentes dos novos prazos no DOG.
INCOMPATIBILIDADES
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para o mesmo proxecto.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IG300C
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.