A Xunta de Galicia convoca para o 2025 estas axudas destinadas ás empresas editoriais co obxectivo de apoiar a tradución de obras literarias orixinalmente escritas en galego a outras linguas. Esta iniciativa busca fomentar a proxección internacional da creación literaria galega, ofrecéndolle ás autoras e autores novas oportunidades para chegar a lectorados de diferentes culturas e países.
BENEFICIARIOS
Poderán optar a estas subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas que poidan acreditar a súa condición de editoras, segundo o establecido nesta orde. Para iso, deberán estar dadas de alta, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025, na epígrafe 476.1 (Edición de libros) do imposto de actividades económicas.
Quedan excluídos os proxectos que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.
En ningún caso se concederán máis de cinco axudas por editor a obras nas que conste o mesmo tradutor.
CONDICIÓNS
- Considéranse custos subvencionables os honorarios profesionais da persoa que realice a tradución.
- A tradución da obra para a que se solicita a subvención deberase publicar despois da data de publicación desta convocatoria.
- Só se subvencionará a tradución dun mesmo título para a mesma lingua.
- Cada editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 15 obras.
- Só serán obxecto de subvención as obras das que se trate dunha primeira tradución ou cando pasasen máis de 20 anos desde a última tradución.
- Non poderán ser obxecto de axuda as obras que recibiran esta mesma subvención en convocatorias anteriores.
CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN
As solicitudes que se presenten serán valoradas pola Comisión de Avaliación, téndose en conta os seguintes puntos:
- Interese cultural do autor e da obra que se propón traducir.
- Traxectoria profesional da persoa tradutora.
- Obra con dereitos vixentes.
- Obra orixinalmente editada nos últimos anos.
- Libros de literatura infantil e xuvenil, prosa, divulgación científica e teatro.
A puntuación mínima para ter axuda será de 50 puntos.
CONTÍA
O importe máximo de subvención por obra será de 6.000€.
PRAZO
O prazo de solicitudes estará aberto ata o 28 de abril de 2025.
A TER EN CONTA
- Adxudicarase unha axuda de, como máximo, ata o 90 % do custo da tradución a aquelas entidades que alcancen a máxima puntuación (100 ptos.) diminuíndo proporcionalmente ata o 60% para aquelas que alcancen a puntuación mínima (50 ptos.).
- A cantidade final adxudicada será repartida proporcionalmente segundo as porcentaxes establecidas de acordo co punto anterior.
- A contía correspondente á primeira anualidade é do 45% do total adxudicado como axuda e o 55% restante corresponderá á segunda anualidade.
- Farase constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: “Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia”, ademais de facer constar o logo oficial da Xunta de Galicia.
- Estas axudas están suxeitas ao réxime de mínimis.
MÁIS INFORMACIÓN
Acceder ao procedemento de tramitación: CT221D.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.