QUE É UNHA SOCIEDADE LIMITADA UNIPERSONAL?
A única gran diferenza coa SL é que a SLU nace xa cun único titular, mentres que a SL pode ter máis socios dende o inicio e require coordinación entre eles. A SLU pode constituírse desde cero, cando un único socio crea a sociedade e asume todas as participacións e accións, ou pode ser unha sociedade unipersonal sobrevida: cando previamente existían varios socios, pero despois o número reduciuse a un só.
Nº de socios | Responsabilidade | Capital | Fiscalidade |
1 | Limitada | Mínimo 1 € | Imposto de Sociedades |
VANTAXES
- Responsabilidade limitada. Significa que só responderás polas débedas da empresa co capital que aportaches á sociedade.
- Maior autonomía, xa que serás a única persoa dona e administradora
- Flexibilidade. Podes modificar estatutos, obxectivos ou estratexia de forma máis sinxela.
- Imaxe de seriedade e profesionalidade. Transmite máis confianza a provedores, clientes e entidades financeiras que operar como autónomo.
- Menor custo. Os gastos de constitución, capital mínimo e trámites legais son máis asumibles para pequenos emprendedores.
TRÁMITES DE CONSTITUCIÓN
Se decides constituír unha SLU, deberás seguir unha serie de pasos administrativos e legais. Estes son os máis importantes:
- Elección do nome: comprobar que non estea rexistrado por outra empresa no Rexistro Mercantil. Solicitaranche tres posibles nomes. Unha vez rexistrado, obterás o certificado e reservarán esa denominación durante 6 meses; deberás asinalo ante notario antes de que pasen 3 meses.
- Apertura dunha conta bancaria da sociedade: o banco darache un certificado do ingreso do capital.
- Redacción dos estatutos: nos que se detallen aspectos como a denominación, o obxecto social (actividade), a duración, o domicilio social, o capital social e a forma de administración.
- Constitución ante notario: para obter a escritura de constitución.
- Obtención do NIF provisional. Solicítase na Axencia Tributaria.
- Inscrición no Rexistro Mercantil. A inscrición é obrigatoria para que a empresa teña personalidade xurídica plena e para que poida operar legalmente.
- Obtención do NIF definitivo.
- Alta censual co modelo 036. Este paso formaliza a alta efectiva da empresa como contribuínte.
- Declaración do IVE, se a actividade está suxeita a este imposto. Tamén se fai co Modelo 036. A partir dese momento, a empresa estará obrigada a presentar as declaracións periódicas de IVE (trimestrais ou mensuais, segundo o caso).