PROGRAMA DE AXUDAS ÁS PERSOAS AUTÓNOMAS PARA A CONTRATACIÓN INDEFINIDA E A FORMACIÓN 2024

Es autónomo e estás pensando en contratar traballadores? Se é así, podes solicitar as axudas deste programa pola primeira, segunda e terceira contratación indefinida que realices con persoas desempregadas e pola formación das mesmas.

A finalidade desta convocatoria da Xunta de Galicia é favorecer a creación de novo emprego e o crecemento de pequenas empresas postas en marcha polas persoas autónomas,  a través de dous tipos de axudas compatibles entre si:

  1. Bono de contratación indefinida
  2. Bono de formación

PERSOAS BENEFICIARIAS

Persoas traballadoras autónomas ou profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES

1. Bono de contratación. Subvención para a primeira, segunda e terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma.

As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. Que as  persoas  contratadas  sexan desempregadas.
  2. Que as contratacións se realicen no período comprendido entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024,  ambas as dúas datas incluídas.
  3. Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.
  4. Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego  a través da aplicación Contrat@.

A contratación deberá ser indefinida inicial (incluídos fixos descontinuos). O período de actividade do contrato fixo descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.


O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial.

Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non haxa outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.

Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da empresa, unha (para a 2ª contratación) ou dúas (para a 3ª) persoas contratadas indefinidas.

2. Bono de formación (opcional). Consistirá nunha subvención para a realización de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto no apartado anterior, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e habilidades relacionadas co posto de traballo.

Para iso téñense que cumprir os seguintes requisitos:

  1. A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación.
  2. A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo.
  3. A acción formativa terá lugar dentro dos tres meses seguintes á data da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2024.


Queda excluída destes incentivos aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva.

CONTÍAS DAS AXUDAS

1. Bono de incentivos á contratación: 

As contratacións indefinidas iniciais terán os seguintes incentivos:

–  Para a primeira persoa traballadora indefinida desempregada: con carácter xeral, 7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

  • Muller
  • Persoas desempregadas de longa duración.
  • Maiores de 52 anos.
  • Persoas con discapacidade.
  • Persoas en situación ou risco de exclusión social.
  • Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.

– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000 €, con carácter xeral. A contía será de 11.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

  • Muller.
  • Persoas desempregadas de longa duración.
  • Maiores de 52 anos.
  • Persoas con discapacidade.
  • Persoas en situación ou risco de exclusión social.
  • Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.

Os incentivos sinalados no punto anterior incrementaranse nun 15% nos seguintes casos, que son acumulables entre sí:

  1. Centro de traballo (ou domicilio fiscal no caso de carecer deste) da persoa autónoma situado nun concello rural.
  2. Persoas maiores de 45 anos (non aplicable no caso de que a axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 anos).
  3. Persoas trans.
  4. Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio de Emprego.

Deste xeito, as contías máximas posibles, de se aplicaren todos os incrementos, serían:

  • Para a primeira persoa traballadora indefinida: 14.400 €.
  • Para a segunda e a terceira persoa traballadora indefinida: 17.600 €.

Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade mínimo de 6 meses).

2. Bono de incentivos á formación:

Axuda de 4.000 € por cada persoa traballadora que reciba a formación e cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación.

EXCLUSIÓNS:

  • Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma actividade nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
  • Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran, tampouco os autónomos colaboradores.
  • Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego.

PRAZO

As solicitudes de subvención poderán presentarse desde o 5 febreiro ata o 30 de setembro de 2024.

INFORMACIÓN ADICIONAL A TER EN CONTA

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.

Os beneficiarios terán a obriga de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de 36 meses.

As axudas concederanse por orde de presentación de solicitudes (considerando a data na que se teña presentado a documentación completa requirida nas bases), ata o esgotamento de crédito.

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024

ACCESO AO PROCEDEMENTO DE TRAMITACIÓN (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO):TR349F

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66. O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *