A Axencia Galega da Industria Forestal convoca estas subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de promover a utilización da madeira en construcción para impulsar o desenvolvemento de sistemas construtivos sustentables, a utilización de materias naturais, reciclables e reutilizables e a redución do consumo enerxético.
As subvencións teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:
- Liña 1.1: axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
- Liña 1.2: axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais
- Liña 2.1: axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
- Liña 2.2: axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
Nesta ficha centrarémonos nas liñas 1.1 e 2.1 por ser as liñas dirixidas a empresas, xa que as liñas 1.2 e 2.2 céntranse en vivendas unifamiliares e, polo tanto, están dirixidas a particulares.
BENEFICIARIOS (liñas 2.1 e 2.2)
- As pemes, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia.
- As cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
- As comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).
Requisitos que deben cumprir:
- As actuacións subvencionables deberán executarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e estar realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2024 e as datas máximas establecidas para cada liña no punto 4.
- En ningún caso o custo dos investimentos elixibles poderá superar o valor de mercado.
Requisitos específicos para a Liña 1.1:
- A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso residencial colectivo, industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.
- O proxecto deberá incluír unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.
- No caso de uso residencial colectivo, o proxecto deberá incluír unha edificación en altura con madeira, segundo a definición recollida no anexo XVI.
- O proxecto deberá incluír a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.
- O proxecto deberá estar asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.
- O sumatorio dos custos previstos no proxecto e correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá o 20 % do orzamento de execución material do proxecto.
Requisitos específicos para a Liña 2.1:
- A obra terá por obxecto a edificación de obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio para uso residencial colectivo, industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.
- No caso de uso residencial colectivo, a obra terá por obxecto unha edificación en altura con madeira, segundo a definición recollida no anexo XVI.
- A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.
- O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá, cando menos, o 20 % dos custos de execución material da obra finalizada.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Liña 1.1:
- Custos dos honorarios de redacción dos proxectos técnicos e de edificación correspondente ás actuacións subvencionables. Os proxectos de obras de edificación poderanse redactar nunha única fase ou dividirse en proxecto básico e proxecto de execución.
Liña2.1:
- Custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluídos os das carpinterías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores.
CONTÍA DAS AXUDAS
Liña 1.1:
A intensidade máxima de axuda será do 50 % do gasto subvencionable; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:
- Nun 10 % se no proxecto se inclúe a utilización de, cando menos, un produto de madeira ou derivado de madeira procedente de montes galegos xestionados de forma sustentable, ademais de empregar ao menos un produto das mesmas características na execución da obra.
- Nun 10 % se no proxecto se inclúe a utilización de, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira da marca de garantía Pino de Galicia, ademais de empregarao menos un produto das mesmas características na execución da obra.
O importe máximo da subvención para esta liña non superará en ningún caso os 35.000 €.
Liña 2.1:
A intensidade máxima de axuda será do 50 %; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:
- Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC).
- Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia.
O importe máximo da subvención non superará, de modo xeral, os 20.000 €. Poderá incrementarse a súa contía ata:
- 30.000 €, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabados (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 30 % dos custos de execución da obra finalizada.
- 40.000 €, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabados (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 40 % dos custos de execución da obra finalizada.
Adicionalmente, no caso de que a obra realizada teña a consideración de edificación en altura segundo a definición recollida no anexo XVI, a contía da subvención incrementará a súa contía en 20.000 € por cada planta piso ou alta.
As porcentaxes das dúas liñas poderán ser acumulativas ata chegar a un 70 % do gasto subvencionable.
Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes será dende o 13 de abril de 2024 e rematará o 2 de maio de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais
Código de procedemento: MR502B; MR502F
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento gratuíto, chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.