SUBVENCIÓNS PARA A PRODUCIÓN E COPRODUCIÓN DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS 2024

Publicadas as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos para o ano 2024.

A Xunta de Galicia, a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) vén de convocar as axudas para proxectos audiovisuais galegos, entendidos como o conxunto das accións e actividades relacionadas coa produción audiovisual que realice unha produtora dentro do período subvencionable, ata conseguir unha copia estándar ou un máster dixital da obra audiovisual e promocionala adecuadamente, dentro dos límites que marca a convocatoria.

BENEFICIARIOS

Persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, cos seguintes requisitos:

  • Que teñan unha antigüidade mínima de 1 ano, sen interrupcións de actividade.
  • Que teñan unha sucursal ou oficina permanente na CCAA de Galicia, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia.

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos deberán ser cumpridos, polo menos, por unha das empresas integrantes no momento da constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que remate o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións.

Condicións das persoas beneficiarias:

  • Posuír os dereitos de propiedade intelectual do guión ou guións, obra literaria ou calquera obra previa que requira da obtención ou opción de compra sobre eles para a realización da obra audiovisual.
  • Ser titulares dos dereitos de propiedade da obra audiovisual na medida que sexan necesarios para a explotación e comercialización desta.
  • Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20% do proxecto audiovisual. Poderase reducir ata un 10 % no caso das coproducións internacionais cando na produción da obra participen catro ou máis países.

PROXECTOS SUBVENCIONABLES. CATEGORÍAS E REQUISITOS

Poderanse presentar proxectos de obras audiovisuais que teñan como destino principal a exhibición cinematográfica ou a emisión en canles de televisión e/ou plataformas de servizos de vídeo baixo demanda (VOD) e que se poidan encadrar nas modalidades de ficción, animación e documental, segundo as categorías que se relacionan:

Categoría A. Longametraxes cinematográficas.

A.1. Longametraxes de ficción.

A.2. Longametraxes de animación.

A.3. Longametraxes documentais.

Categoría B. Longametraxes cinematográficas en coprodución internacional con participación minoritaria española.

B.1. Longametraxes de ficción.

B.2. Longametraxes de animación.

B.3. Longametraxes documentais.

Categoría C. Curtametraxes de ficción, animación ou documentais.

C.1. Curtametraxes de ficción.

C.2. Curtametraxe de animación.

C.3. Curtametraxes documentais.

Categoría D. Obras audiovisuais para televisión e/ou plataformas de vídeo baixo demanda.

D.1. Longametraxes de ficción.

D.2. Series e miniseries de ficción.

D.3. Series de animación para público infantil e xuvenil.

D.4. Series documentais.

A consideración dos proxectos como subvencionables estará supeditado a:

  • Necesidades de apoio desprendido do carácter cultural.
  • Utilización da lingua galega na versión orixinal da obra.
  • Achega á cinematografía galega e á promoción do talento galego.
  • Viabilidade económica e de realización e da calidade e interese da proposta.
  • O efecto incentivador, polo que a solicitude deberá terse presentado antes do comezo do proxecto.

GASTO SUBVENCIONABLE

Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre a data da presentación da solicitude e a fin da data de xustificación establecida na presente convocatoria.

Considéranse gastos subvencionables os efectuados pola empresa produtora ata a consecución da copia estándar ou máster dixital, máis o derivado de determinados conceptos básicos para a realización e promoción adecuada da obra, nos termos establecidos no artigo 5 da correspondente Orde.

CONTÍAS E INTENSIDADE DAS AXUDAS

As contías máximas por tipo de proxecto son as seguintes:

 FicciónAnimaciónDocumental
A: Longametraxe cinematográficaV.O. non galega 260.000260.00080.000
V.O. galega (>90%) 280.000
B: Coprodución internacional minoritaria española150.000150.00050.000
C: Curtametraxe15.00015.00015.000
 Longa TV ficciónSerie ficciónSerie documentalSerie animación
D: Obras audiovisuais para TV e plataformas160.000260.00080.000160.000

Unha mesma produtora poderá obter máximo dúas subvencións, sempre que unha sexa dalgunha das seguintes categorías:

  • Proxectos da categoría A que constitúan a primeira longametraxe dun director ou dunha directora e non superen 500.000 euros de orzamento de produción.
  • Proxectos da categoría B.
  • Proxectos da categoría C.

Este límite aplicarase tamén naqueles casos en que a persoa beneficiaria forme parte dunha ou de varias agrupacións de interese económico que obteñan subvención por outros proxectos audiovisuais. Igualmente afectará a persoa beneficiaria con respecto á súa vinculación con outras empresas.

Nos demais casos, se varios proxectos dun mesmo solicitante se consideran subvencionables, optarase polo de maior puntuación. Na mesma convocatoria non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades, nin tampouco presentar un mesmo proxecto a distintas categorías.

Haberá unha categoría denominada “Obra difícil” para as cales se incrementará a intensidade das axudas:

  • No caso de curtametraxes, poderán recibir axudas públicas de ata o 85 % do importe subvencionable.
  • As obras audiovisuais dirixidas por unha persoa que non teña dirixido ou codirixido máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica e cuxo orzamento de produción non supere 1.500.000 euros, poderán recibir axudas públicas ata o 80% do importe subvencionable.
  • As obras audiovisuais en versión orixinal galega, entendendo como tales aquelas que utilicen o galego como lingua maioritaria en diálogos e narración, poderán obter axudas públicas de ata o 80 % do importe subvencionable.
  • As obras audiovisuais realizadas exclusivamente por directores ou directoras cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, recoñecido polo órgano competente, poderán recibir axudas públicas de ata o 80% do importe subvencionable.
  • As obras audiovisuais dirixidas exclusivamente por directoras, poderán alcanzar unha axuda do 75 % do importe subvencionable.
  • Os documentais destinados á exhibición cinematográfica (categoría A.2),  poderán recibir axudas públicas de ata o 75 %.
  • As obras de animación cun orzamento de produción que non supere os 2.500.000 euros poderán  recibir ata o 75 % do importe subvencionable.
  • As obras audiovisuais realizadas en réxime de coprodución con países iberoamericanos poderán recibir ata o 60 % do importe subvencionable.

Estas axudas outorgaranse por concorrencia competitiva, é dicir segundo os criterios de valoración establecidos cun sistema de puntos. No caso de esgotamento do crédito asignado, pasarán a formar unha listaxe de espera respectando a orde de prelación.

INCOMPATIBILIDADES

Estas axudas serán incompatibles con:

  • Axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades publicados no 2024.
  • Outras axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o mesmo proxecto.
  • No caso de recibir outras axudas, estas nunca poderán superar o custo da actividade subvencionada.

OBRIGAS ESPECÍFICAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

  • Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas  na Lei 9/2017 do  8 de novembro de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación.
  • Notificar en todo momento á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados e comunicar á Agadic as datas de inicio e finalización da rodaxe ou gravación da produción subvencionada.
  • As empresas produtoras estarán obrigadas a incorporar á produción un mínimo de tres alumnos ou graduados nos tres últimos anos en centros de estudos audiovisuais, regrados ou universitarios, en réxime de prácticas ou contratados laboralmente nas áreas da produción audiovisual: dirección, son, fotografía, produción, posprodución ou dirección artística, salvo nos equipos de produción de documentais e coproducións internacionais con participación minoritaria española, que estarán obrigados a incorporar un mínimo dun alumno, e nas curtametraxes, nas cales non será esixible.
  • Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia» ao igual que en todos os materiais de promoción e distribución e publicidade da obra.
  • Así mesmo, cando a Agadic o solicite, as persoas beneficiarias estarán obrigadas a facilitarlle copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, músicas, portadas, trailers e outros materiais) para actividades de promoción do audiovisual galego.
  • Poñer en coñecemento, e coordinar coa Agadic, cun mes de antelación mínima, a data da estrea da obra en Galicia.
  • No caso das longametraxes cinematográficas, estrear a obra na súa versión orixinal nun mínimo de cinco salas de exhibición localizadas en Galicia, salvo nas obras documentais, que se deberán minimamente en dúas salas de exhibición galegas.
  • Informar a Agadic de todas as participacións da obra audiovisual nos certames e festivais que se relacionan cun mínimo de 15 días de antelación á súa celebración.
  • Manter a porcentaxe mínima de titularidade dos dereitos de propiedade da obra audiovisual que establece a convocatoria durante un período mínimo de tres anos contados desde a súa cualificación oficial, cando se trate dunha obra cinematográfica.
  • Recuperar os dereitos de propiedade da obra audiovisual cedidos a entes emisores, cando se trate de producións destinadas a canles de televisión e/ou plataformas de vídeo baixo demanda dentro dos seguintes prazos: 7 anos, se a participación do ente emisor se formaliza como pre-venda, e 10 anos cando a participación do ente emisor se formaliza como coprodución.

PRAZO

Aberto do 30 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2024.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectosaudiovisuaisgalegos, e se convocan para o ano 2024.

Código de procedemento de tramitación: CT207A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *