O programa EBici está dirixido ao fomento do uso de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido e de bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, mediante unha liña de subvencións para a súa adquisición.
As solicitudes de subvención terán que tramitarse a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas (establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que solicitaran a súa adhesión).
Xa está aberto o prazo para solicitar estas axudas na convocatoria 2023 e tamén está aberto o prazo para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (procedemento IF319A).
Nesta ocasión, ímonos centrar no procedemento para a adhesión das entidades colaboradoras, que integrarán un listado que se publicará na páxina https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/ebici?langId=es_ES.
Esta adhesión supón para o comercio local a posibilidade de incrementar as súas vendas e ingresos.
Requisitos entidades colaboradoras
Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais ou sanitarios abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia que se dediquen de forma total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido e/ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas e aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas:
- Epígrafe 652.1.
- Epígrafe 654.1.
- Epígrafe 659.3.
- Epígrafe 659.6.
- Epígrafe 661.1.
- Epígrafe 661.2.
- Epígrafe 661.3.
- Epígrafe 661.9.
- Epígrafe 662.1.
- Epígrafe 662.2.
Obrigas das entidades colaboradoras
- Realizar ante a Dirección Xeral de Mobilidade os trámites para solicitar a axuda.
- Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.
- Cubrir convenientemente os formularios de solicitude da axuda (anexo II) e solicitude de pagamento (anexo IV) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.
- Vender no marco da iniciativa só as bicicletas eléctricas e bicicletas de man que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.
- Descontar directamente a axuda na factura da actuación, de maneira que a persoa beneficiaria non chegue a realizar o desembolso.
- Exhibir nos establecementos comerciais ou nos puntos de venda durante a vixencia do programa un cartel de promoción deste en que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida, conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible).
- Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
- Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Dirección Xeral de Mobilidade.
- Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Mobilidade para todos os efectos relacionados coa subvención, e colaborar na xestión das subvencións.
- Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.
- Remitir copia dixitalizada da devandita documentación á Dirección Xeral de Mobilidade.
- Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.
- Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.
Axudas para os compradores
Cando un comprador adquira unha bicicleta no establecemento comercial adherido ao probrama, a tenda será a que presente todos os documentos para a solicitude da subvención.
O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido será de:
- 500 € por bicicleta e persoa beneficiaria.
- 600 € para integrantes dunha familia numerosa.
- 700 € para familia numerosa de categoría especial.
- Para as bicicletas de man híbridas ou eléctricas, o importe máximo da axuda será de 700 €.
De calquera maneira, cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man.
A cantidade da subvención non poderá ser superior a:
- 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para unha persoa beneficiaria xeral
- 60 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa.
- 70 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa con categoría especial ou adquirentes dunha bicicleta de man.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras estará aberto ata o 31 de agosto de 2024.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
- Código de procedemento para entidades colaboradoras IF319A
- Código de procedemento para solicitud de axudas IF319B.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.