SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE COMERCIO CIRCULAR 2024

Se buscas que o teu negocio sexa máis respectuoso co medio ambiente, aproveita estas axudas para a adquisición de embalaxes e bolsas de materiais reciclados e reutilizables, para a incorporación de materias primas, tecidos e accesorios sostibles, orgánicos e reciclados ou para actuacións de mellora nos obradoiros téxtiles.

A Xunta de Galicia convoca esta liña de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de apostar por un comercio circular e un sector téxtil máis responsable que incorpore en todos os seus produtos, servizos e procesos a sostibilidade como unha vantaxe competitiva. Para iso, o programa 2024 de comercio circular amplíase incluíndo 3 liñas de axudas:

  • Programa Eco-pack, orientado á redución das cantidades de  embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma ás dimensións e formato dos produtos, priorizando o uso de materiais reciclados e reutilizables.
  • Programa Avanza téxtil, orientado o impulso dos pequenos produtores do sector téxtil con marca comercial propia.
  • Programa Re-circular, co que se busca promover o uso de materias primas e tecidos sostibles na producción téxtil co fin de reducir os residuos xerados polo sector téxtil e favorecer a súa reutilización e a reciclaxe.

A continuación, recollemos os aspectos máis importantes de cada un dos programas:

Programa Eco-pacK

BENEFICIARIOS

Comerciantes retallistas con tenda física: As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
  • Que teñan a condición de peme, incluídas as persoas en situación de autoemprego. 
  • Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención. No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal.
  1. Obradoiros artesáns que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
  2. Asociacións de comerciantes que reúnan os requisitos para ter a condición de centro comercial aberto.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

Serán subvencionables:

Para os comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

  • Caixas de cartón 100 % reciclado.
  • Sobres de cartón ou papel 100 % reciclado.
  • Papel vexetal.
  • Recheos para embalaxe (recheos vexetais e proteccións acolchadas de papel 100 % reciclado).
  • Bolsas de tea de algodón 100 %.
  • Bolsas de tea de liño 100 %.
  • Bolsas de tea de cánabo 100 %.

Para as asociacións de comerciantes:

  • Bolsas de tea de algodón 100 %.
  • Bolsas de tea de liño 100 %.
  • Bolsas de tea de cánabo 100 %.

CONTÍA DA AXUDA E INVESTIMENTO MÍNIMO E MÁXIMO SUBVENCIONABLE

Establécense os seguintes investimentos máximos subvencionables e as seguintes porcentaxes de axuda:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns. Subvención do 80% do investimento máximo subvencionable:

Persoas beneficiariasInvestimento máximo subvencionable
Empresas de 0 a 10 persoas traballadoras3.000 € (subvención maxima = 2.400 €)
Empresas de 11 a 50 persoas traballadoras4.500 € (subvención máxima = 3.600 €)

b) Asociacións de comerciantes. Subvención do 90% do investimento máximo subvencionable:

Nº de comercios asociadosInvestimento máximo subvencionable
50 – 697.700 €
70 – 9910.000 €
>= 10013.300 €

O investimento mínimo que se vai realizar para que o programa se considere subvencionable ascende a 1.000 €.

Programa Avanza téxtil

BENEFICIARIOS

Pemes e persoas autónomas do sector téxtil (deseño, produción e venda de pezas de vestir, calzado e complementos) que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. 
  2. Que teñan a condición de peme de ata 10 persoas traballadoras, incluídas as persoas en situación de autoemprego.
  3. Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

a) Participación en cursos de formación ou obradoiros de confección téxtil impartidos por escolas públicas ou privadas. En concreto, consideraranse gastos subvencionables: a matrícula e as mensualidades. 

b) Adquisición de maquinaria de destrución de téxtil para a súa posterior reutilización.

c) Adquisición de maquinaria e ferramentas de corte e confección.

d) Organización e participación en tendas efémeras pop-ups e showrooms. En concreto, considéranse gastos subvencionables:

  • O alugueiro do local ou do espazo expositivo (máximo dúas mensualidades).
  • Os seguros e servizos de carácter básico e obrigatorio para a organización do evento.
  • O acondicionamento da superficie de exposición e venda.
  • A adquisición ou alugamento de moblaxe ou equipamento especializado para a exposición do produto.
  • O transporte de mercadoría.
  • A publicidade e promoción da tenda efémera.

A orde tamén regula expresamente que conceptos están excluídos. En concreto NON son subvencionables:

  • As actuacións desenvolvidas por pemes ou persoas autónomas que desenvolvan unha actividade de venda de produtos téxtiles fabricados por terceiros.
  • As actuacións de pemes do sector téxtil dedicadas a produción de téxtil doméstico.
  • Maquinaria e ferramentas que non sexan de primeira adquisición.
  • Custos de axudas de custo, desprazamentos, aloxamento.
  • Os cursos de formación dirixidos á obtención dunha titulación académica.

CONTÍA DA AXUDA E INVESTIMENTO MÍNIMO E MÁXIMO SUBVENCIONABLE

A subvención será do 80 % do investimento, tendo en conta os seguintes límites:

Actuación subvencionableInvestimento máximo subvencionable
Participación en cursos ou obradoiros de formación.1.200 € curso/empregado
Organización de pop-ups ou showrooms.6.000 €
Adquisición de maquinaria e ferramentas subvencionables.5.000 €

Programa Re-circular

BENEFICIARIOS

Pemes e persoas autónomas do sector téxtil (deseño, produción e venda de pezas de vestir, calzado e complementos), que ademais cumpran os seguintes requisitos: 

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 20 persoas traballadoras, incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

a) Adquisición de materias primas e/ou tecidos téxtiles sostibles. En concreto, considéranse subvencionables os seguintes:

  • Fibra 100 % de orixe vexetal: algodón orgánico, liño, cánabo e ramio.
  • Fibras 100 % de orixe animal: alpaca, seda, la e penuxe.
  • Fibras recicladas: poliéster reciclado, nailon reciclado e la reciclada que conten cun mínimo de 60 % de fibra de orixe reciclada.
  • Fibras semisintéticas: liocel, viscosa sostible e raión cuproamoniacal.

b) Adquisición de accesorios ou fornituras de orixe 100 % reciclado ou 100 % de composición orgánica (cremalleiras, botóns, reberetes, cordas, lazos ou similares).

Están expresamente excluídas e NON son subvencionables:

  • As actuacións desenvolvidas por pemes ou persoas autónomas que desenvolvan unha actividade de venda de produtos téxtiles fabricados por terceiros.
  • A adquisición de compra de materia prima para a súa venda directa sen transformación.
  • A adquisición de fibras con orixe e produción de países fora da Unión Europea, agás Turquía e países do norte de África, co obxectivo de reducir a pegada de carbono nos procesos produtivos.
  • A adquisición de tecidos con composición de fibras sintéticas como poliéster e acrílicos.
  • As actuacións que inclúan publicidade, imaxes ou calquera outro contido sexista ou discriminatorio ou que non respecten a normativa vixente sobre o uso correcto do idioma.

CONTÍA DA AXUDA E INVESTIMENTO MÍNIMO E MÁXIMO SUBVENCIONABLE

Ata o 80% dos investimentos, tendo en conta que o investimento máximo subvencionable é de 10.000 € (importe máximo de axuda = 8.000 euros).

PRAZO DE SOLICITUDE PARA TODAS AS LIÑAS

Prazo de solicitude ata o 13 de setembro de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 30 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do Programa de comercio circular e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CO300D).

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: CO300D

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *