SUBVENCIÓNS A ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS PARA ACTUACIÓNS  DE EMBELECEMENTO DO LITORAL GALEGO 2025-2026

A Axencia de Turismo de Galicia convoca estas axudas dirixidas a establecementos turísticos situados en municipios costeiros de Galicia para acometer proxectos de eficiencia enerxética, dixitalización e mellora das fachadas turísticas, co obxectivo de impulsar a sustentabilidade e o embelecemento da costa galega.

A Axencia de Turismo de Galicia vén de publicar esta convocatoria plurianual 2025-2026 de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a establecementos turísticos de aloxamento ou de restauración rexistrados no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia) situados en zonas costeiras. Estas subvencións están financiadas con fondos europeos NextGenerationEU e están destinadas a promover actuacións que contribúan á integración coa paisaxe, ao respecto dos valores ambientais e á mellora da fachada e corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras. O fin último é contribuír ao embelecemento do litoral galego e a un modelo de turismo sostible.

Beneficiarios  

Persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que teñan autorización conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

  1. Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.
  2. As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares).

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:

  • Ter a condición de pequena e mediana empresa (PEME).
  • Os datos que figuren no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación deberán coincidir cos datos facilitados polo solicitante da subvención.
  • Os bens obxecto da subvención deben ser novos, adquiridos a terceiros e en propiedade (agás excepcións en alugueiro/concesión).
  • Cumprir co principio de “non causar prexuízo significativo” (DNSH) ao ambiente.

Actuacións e gastos subvencionables

Establécense tres liñas de acción: 

Liña 1. Eficiencia enerxética.

  • Actuacións para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións de iluminación e reducir o consumo.
  • Esixe presentar certificado de eficiencia enerxética inicial e final.
  • Investimento mínimo subvencionable: 5.000 €.

Liña 2. Dixitalización de recursos con potencial turístico.

  • Implantación de sistemas de xestión: PMS, ERP, CRM, channel manager,…
  • Ferramentas de análise de datos e motores de reserva.
  • Desenvolvemento de códigos QR turísticos.
  • Creación de ferramentas dixitais de promoción: visitas virtuais, imaxes 360º, galerías e guías interactivas, etc.

Liña 3. Mellora da fachada turística do litoral. 

  • Revestimento/pintado de paramentos cegos en mal estado ou con materiais inadecuados.
  • Renovación de carpintarías ou cerrallarías exteriores deterioradas ou con cores non axeitadas.
  • Cubertas: remate ou renovación de acabados exteriores visibles (exclúe elementos estruturais).
  • Muros de cerramento: revestimento de ladrillo/bloques sen tratar, recuperación ou restauración de muros tradicionais de pedra.
  • Pintado de portas, portais ou cerrallarías exteriores en mal estado ou con cores non axeitadas.
  • Gastos de proxecto, honorarios e dirección facultativa (que non supoña máis do 5 % do investimento subvencionable e cun máximo de  5.000 €).
  • Obriga de aplicar criterios de sostibilidade: uso de materiais reciclables, naturais, baixo impacto ambiental.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.

O investimento neto admitido para cada liña será, como máximo, de:

  • ata 25.000 € na liña 1
  • ata 15.000 € na liña 2
  • ata 250.000 € na liña 3.

No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior aos ditos límites, solicitarase un reaxuste do proxecto que se vai executar.

Non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos de mantemento ordinarios. 

b) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, multas, taxas… 

c) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos

d) Seguros

e) Custos financeiros. 

f) Custos asociados a sancións administrativas, así como gastos de procedementos xudiciais. 

g) A vixilancia e a seguridade durante a execución da obra ata a data de posta en marcha. 

h) Os custos de persoal propio. 

i) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto. 

j) O imposto sobre o valor engadido (IVE). 

k) Gastos en equipamento que impliquen o consumo de combustibles fósiles (tales como petróleo, carbón ou gas natural).

Contía das axudas

Ata un 80% do custo subvencionable, cos seguintes máximos por cada liña:

Liña de actuaciónInvestimento máximo subvencionableAxuda máxima (80 %)
Liña 1 25.000 €20.000 €
Liña 2 15.000 €12.000 €
Liña 3250.000 €200.000 €

En ningún caso o conxunto de axudas percibidas pode superar os 300.000 € nun período de tres anos (en aplicación do réxime de minimis).

Prazo 

O prazo de solicitudes de axuda comeza o 12 de setembro e remata o 12 de novembro de 2025.

Máis información

Consulta a  RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, f inanciado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convocan con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU503F).

Acceder ao procedemento de tramitación: código TU503F

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *