O obxecto desta convocatoria é regular as subvencións establecidas pola Agadic para o apoio á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a realización de curtametraxes a cargo de creadores/as individuais, e a posprodución de curtametraxes e a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras. Poderanse solicitar axudas en dúas modalidades (*):
- Modalidade A: Subvencións a curtametraxes en galego cunha duración inferior a 60 minutos. Dentro desta modalidade, atopámonos con dúas submodalidades:
A1: curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega.
A2: curtametraxes en construción que estean gravadas en v.o. galega e teñan prevsto realizar os traballos de posprodución en Galicia.
- Modalidade B: Subvencións a longametraxes en galego cunha duración superior a 60 minutos, e que estean a cargo dun/ha director/a que non dirixise/codirixise máis de dous longametraxes dirixidos a súa explotación comercial en salas cinematográficas.
* Cada proxecto só poderá estar inscrito nunha modalidade.
PERSOAS BENEFICIARIAS
- As persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben ter realizado cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual, e desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
- As persoas autónomas ou persoas xurídicas que estean constituídas como produtora independente no momento de presentar a solicitude e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
Ademáis, os beneficiarios deberán cumprir cos seguintes requisitos específicos:
- Para a submodalidade A1 (realización de curtametraxes), unicamente poderán presentarse aquelas persoas que exerzan como director/a da obra.
- Para a submodalidade A2 (curtametraxes en construción) e modalidade B (longametraxes), só poden presentarse persoas autónomas ou empresas constituídas como produtora audiovisual.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Os gastos relativos á postprodución da curtametraxe en construción (modalidade A2) e á realización da longametraxe (modalidade B). Tamén os gastos de amortización de material informático e audiovisual relacionado coa realización do proxecto subvencionable, de duración superior a un exercicio anual, ata un máximo do 5% do importe da subvención sempre que:
- A adquisición do material deberá producirse durante o período subvencionable.
- Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 60 meses o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción.
- Será imprescindible a presentación da correspondente factura de compra dos bens que se pretendan amortizar ou copias, así como a xustificación do seu pagamento eu copias.
Así mesmo, terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes á asesoría xurídica ou financeira, gastos financeiros e gastos notariais ou rexistrais cando estean estreitamente vinculados á realización do proxecto subvencionado.
Os gastos deberán estar comprendidos no período que vai desde o día 6 de marzo ata:
- 15 de outubro de 2024 na modalidade A1.
- 15 de xuño de 2025 na modalidade A2.
- 15 de setembro de 2025 na modalidade B.
CONTÍA DAS AXUDAS
A asignación de fondos realizarase por concorrencia competitiva, é dicir por orde de puntuación seguindo uns criterios definidos na convocatoria. Se queres coñecer cales son os criterios a valorar, preme aquí.
INCOMPATIBILIDADES
Se o proxecto se presenta na submodalidade A2 de curtametraxes en construción non pode contar cunha subvención previa outorgada en anteriores convocatorias de axudas da Agadic, en calquera das liñas existentes.
PRAZO
O prazo de solicitudes está aberto ata o 8 de abril de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
Código de procedemento: CT207E
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.