PROGRAMA II, DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2022 dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). As axudas destínanse a sufragar as accións, gastos e pagamentos producidos entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

BENEFICIARIOS

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT.

Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. No caso de empresaria ou empresario individual, cando cause alta definitiva no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Para poder acceder ás distintas liñas de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.

Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

TIPOS DE AXUDAS

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:

  • Subvención á creación directa de emprego estable.
    • Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os dos propios promotores e promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha subvención de 6.000€.
    • A contía do incentivo será de 8.000 € por cada posto de traballo estable de carácter indefinido creado, cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
      • Persoas desempregadas de longa duración.
      • Persoas desempregadas con discapacidade.
      • Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
    • Os postos de traballo estables incentivaranse cunha subvención de 9.000€ cando se trate de persoas tituladas universitarias desempregadas.
    • Os postos de traballo estables incentivaranse cunha subvención de 10.000€ se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor/a.
    • Esta contías incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir:
      • Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
      • Un 25 % no caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
      • Un 25 % no suposto de persoas maiores de 45 anos.
      • Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
      • Un 25 % se a persoa incorporada é trans.
    • No suposto de ter dereito a un ou varios incrementos, aplicarase a subvención aos indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada coa solicitude quede acreditada a aplicación dalgún incremento superior.
    • É requisito para poder ser persoa beneficiaria desta subvención que o cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25 por cento por persoas con titulación universitaria.
    • Nos postos de traballo creados e polos cales se solicite subvención, deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.
    • Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.
    • Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade.
    • Non se concederá esta axuda cando se trate de persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.
    • Esta subvención será compatible, se é o caso, coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 70 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato obxecto de subvención. Este límite será ampliable ata o 80 % cando a persoa traballadora contratada pertenza a un dos seguintes colectivos:
      • Persoas desempregadas de longa duración,
      • Persoas desempregadas con discapacidade
      • Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión.
    • Serán subvencionables os postos de traballo estables creados entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022 dentro do primeiro ano de actividade da empresa, sempre que permaneza vixente a contratación no momento da súa solicitude.
  • Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
    • As contratacións temporais de persoal técnico de alta cualificación realizadas para prestar servizos nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de que transcorra un ano desde a data de inicio da actividade serán subvencionadas nunha contía equivalente ao 40 % dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á SS por todos os conceptos, cun máximo de 12 mensualidades.
    • Para acceder a esta axuda o experto técnico de alta cualificación contratado deberá estar en posesión dun título universitario.
    • Quedan excluídas as contratacións realizadas cos titulares ou socios e socias da empresa cualificada como iniciativa de base tecnolóxica, así como do cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o 2º grao inclusive da persoa empresaria ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estas persoas citadas. Non será de aplicación esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate por conta allea aos fillos e fillas menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen asalariados, e contrate un só familiar menor de 45 anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo. Así mesmo, quedan excluídos desta subvención os contratos formativos.
    • Esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 €, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.
    • Serán subvencionables as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.
  • Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
    • Esta axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividad, de acordo coa seguinte escala:
      • 1 posto de traballo: ata 10.000 €.
      • 2 postos de traballo: ata 18.000 €.
      • A partir de 3 postos de traballo: ata 24.000 €.
    • O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables.
    • Esta axuda destinarase a sufragar os gastos necesarios realizados entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022 que se produzan antes de que transcorra desde o inicio da súa actividade, e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de decembro de 2022.
    • Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: honorarios de notaría e rexistro, compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Estes gastos poderán ser subvencionados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún das persoas promotoras da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.
    • Tamén serán subvencionables nesta axuda os cursos que a persoa promotora ou empresaria poida recibir para obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.
  • Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
    • Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de 3 anos.
    • Concederase unha subvención do 75 %, ata un máximo de 3.000 €, do custo do centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores e/ou dependentes (graos I, II e III) ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, recoñecidos pola Consellería de Política Social, sempre que respecto das cales acredite a súa relación de parentesco e, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, como mínimo, durante os tres meses anteriores á data da solicitude.
    • Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable que sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da SS ou en mutualidade de colexio profesional.
    • Serán subvencionables os gastos da gardaría e/ou das persoas coidadoras ou dos custos dos servizos en centros especializados, no caso das persoas con dependencia ou discapacidade, realizados entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade.
    • As axudas por gardería e por coidado das persoas dependentes e persoas con discapacidade son compatibles entre si.

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de setembro de 2022.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información podes consultar as bases na ORDE do 27 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, ou acudir a Sede Electrónica da Xunta (TR340E)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *