PROGRAMA I DE FOMENTO DO EMPREGO E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO PARA AS PEQUENAS EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar as subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o ano 2022, para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, considerando como tal aquelas que inicien a actividade empresarial desde a data do 1 de agosto de 2021.

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as seguintes circunstancias:

  • Que sexan empresas de nova creación.
  • Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
  • Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
  • Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo en Galicia.
  • Que sexan promovidas, como máximo, por 5 persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
  • Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 €.
  • Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

TIPOS DE AXUDA

O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe:

  • Subvención á xeración de emprego estable.
    • A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de 10, cada un deles coa contía de 2.000 € como persoa desempregada en xeral.
    • Subvencionaranse con 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos,
      • Persoas desempregadas de longa duración.
      • Persoas desempregadas con discapacidade.
      • Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
    • Estas contías base incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
      • Se a persoa incorporada é unha muller.
      • No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da empresa estea situado nun concello rural.
      • Persoas maiores de 45 anos.
      • Se a persoa incorporada ten a condición de persoa emigrante retornada.
      • Persoas trans.
    • Estes incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 9.000 €.
    • Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.
    • No suposto de ter dereito a un ou varios incrementos aplicarase a subvención aos indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada coa solicitude quede acreditada a aplicación dalgún incremento superior.
    • No caso de contratacións indefinidas de persoas traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 70 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención. Este límite será ampliable ata o 80 % cando a persoa traballadora contratada pertenza a un dos seguintes colectivos:
      • Persoas desempregadas de longa duración
      • Persoas desempregadas con discapacidade
      • Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
      • Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de agosto de 2021 e ata o 31 de xullo de 2022.
  • Subvención para formación.
    • A subvención para a formación ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada coas funcións xerenciais da persoa promotora ou empresaria e/ou a formación directamente relacionada coa actividade que van desenvolver, de xeito que estes estudos contribúan á boa marcha da empresa.
    • Subvencionaranse os cursos e as actividades formativas que a persoa promotora que cree o seu propio posto de traballo estable e polo que realice para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial e as actividades formativas directamente relacionadas coa actividade económica da empresa. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada antes do remate do prazo para a xustificación.
    • O gasto orixinado deberá ser efectivamente xustificado, con data anterior ao 20 de decembro de 2022.
    • A contía da subvención será de 3.000 €
  • Subvención para o inicio da actividade.
    • Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 2.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez, por persoa desempregada en xeral.
    • A contía do incentivo será de 4.000 € por cada emprego subvencionable cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
      • Persoas desempregadas de longa duración.
      • Persoas desempregadas con discapacidade.
      • Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
    • Estas contías base incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
      • Se a persoa incorporada é unha muller.
      • No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da empresa estea situado nun concello rural.
      • Persoas maiores de 45 anos.
      • Se a persoa incorporada ten a condición de persoa emigrante retornada.
      • Persoas trans.
    • Deste xeito, a contía máxima posible por posto de traballo, de aplicarse todos os incrementos, sería de 9.000 €
    • Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos:
      • Honoraraios de notaría e rexistrador,
      • Compra de mercadorías e materias primas,
      • Arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos,
      • Gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións.
      • Exclúense así, o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
    • Estes gastos poderán ser subvencionados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algunha das persoas promotoras da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.
    • A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde un mes antes ao inicio da actividade empresarial e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2022.
  • Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
    • Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención de máximo 3.000€, para aquelas persoas promotoras que:
      • Teñan fillos ou fillas menores de 3 anos,
      • Para pagar o centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores e/ou dependentes (graos I, II e III) ou con un grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, sempre que se acredite a relación de parentesco e a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, como mínimo, durante os 3 meses anteriores a data da solicitude.
      • Sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da SS ou en mutualidade de colexio profesional.
    • Serán subvencionables os gastos da gardaría e/ou dos persoas cuidadoras ou dos custos dos servizos en centros especializados (no caso das persoas con dependencia ou discapacidade) correspondentes desde os 3 meses anteriores ao inicio definitivo da actividade e ata xullo de 2022.
    • As axudas por gardería e por coidado de persoas dependentes e persoas con discapacidade son compatibles entre sí.

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de xullo de 2022.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información podes consultar as bases na ORDE do 27 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación , e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, ou acudir á Sede Electrónica da Xunta (TR807I).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *