PROGRAMA EMEGA 2026

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Se es muller e iniciaches a túa actividade económica ou levaches a cabo un plan de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 14 de agosto de 2025 e o 3 de agosto de 2026 estas axudas poden ser do teu interese.

O Programa Emega 2026 ten como obxectivo apoiar o emprendemento feminino en Galicia mediante axudas económicas destinadas á creación, consolidación, reactivación e innovación de empresas promovidas por mulleres. Ademais, inclúe medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como servizos de información, asesoramento e orientación empresarial

O programa presta especial atención ás mulleres que emprenden no medio rural, ás maiores de 55 anos, ás que desenvolven a súa actividade en sectores tradicionalmente masculinizados e ás que presentan maiores dificultades de inserción laboral.

As modalidades de axuda para o ano 2026 son:

  • Emega Emerxe: apoia a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a xeración de emprego feminino estable por conta propia ou allea
  • Emega Impulsa: favorece a reactivación, consolidación e mellora da competitividade de empresas xa existentes para garantir a súa continuidade.
  • Emega Innova: impulsa proxectos empresariais innovadores, de base científica ou tecnolóxica, promovidos por mulleres.
  • Emega Concilia: complemento das anteriores para facilitar a conciliación das promotoras e das persoas traballadoras por conta allea.

Consideracións comúns a todas as liñas de axudas:

Para optar a calquera das modalidades do programa Emega (Emerxe, Impulsa, Innova e a axuda complementaria Concilia), as empresas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

  • Ser unha microempresa (menos de 10 traballadoras e volume de negocio ou balance anual inferior a 2.000.000 €) ou pequena empresa privada (menos de 50 traballadoras e volume de negocio ou balance anual inferior a 10 millóns de euros), validamente constituída.
  • Ter o domicilio social, fiscal e o centro de actividade en Galicia.
  • A actividade pode desenvolverse por empresarias individuais sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa, sociedade laboral ou sociedade profesional. Quedan excluídas as entidades sen ánimo de lucro, as empresas públicas e, con carácter xeral, as participadas por outras persoas xurídicas.
  • Nas empresas societarias, a administración debe estar exercida exclusivamente por mulleres.
  • Nas pequenas empresas, a maioría do capital social debe pertencer a mulleres e nas  microempresas, todo o capital social debe estar subscrito por mulleres.
  • Todas as promotoras deben estar dadas de alta na Seguridade Social ou na mutualidade profesional, traballar habitualmente na empresa e manter unha vinculación laboral con ela. Non se consideran as autónomas colaboradoras.
  • Aos efectos de valoración, só se terán en conta os postos de traballo ocupados por mulleres e con contrato indefinido (os contratos indefinidos a tempo parcial só se computarán se a xornada é, como mínimo, do 50 %, e os contratos fixos descontinuos deben ter unha actividade mínima de 9 meses nun periodo de 12 meses).
  • Presentar un plan de negocio viable, que demostre a viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto.
  • Non ter recibido axudas do programa Emega nas convocatorias dos últimos cinco anos (2021-2025) . En total, unha empresa ou promotora só pode obter axuda Emega en dúas convocatorias como máximo.
  • No caso de subvencións superiores a 30.000 €, acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na normativa sobre morosidade Lei 3/2004, do 29 de decembro

Ademais, todos estes requisitos deberán cumprirse no momento de finalizar o prazo de presentación das solicitudes (3 de agosto 2026)  e manterse durante un período mínimo de 18 meses, garantindo a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

A) LIÑA EMEGA EMERXE

Persoas beneficiarias:

Empresas de nova creación constituídas por mulleres, que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que iniciaran a súa actividade entre o 14 de agosto de 2025 e a data límite de presentación de solicitudes (3 de agosto de 2026).
  • As promotoras deben estar de alta no réxime correspondente dentro do mesmo período (do 14/08/2025 ao 3/08/2026).
  • A creación da empresa debe implicar a creación do posto de traballo de todas as promotoras.
  • Polo menos o 50% das promotoras deben estar en situación de desemprego durante o mes anterior á alta na Seguridade Social ou mutualidade.
  • Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma rama (CNAE a 3 díxitos) nos últimos tres anos.

Contía das axudas:

A contía dos incentivos da liña Emerxe determínase en atención ao número de postos de traballo creados, de acordo coa seguinte escala:

Postos de traballo femininos creadosContía da axuda
1 posto10.000 €
2 postos16.000 €
3 postos20.000 €
4 ou máis postos22.000 €

B) LIÑA EMEGA IMPULSA

Persoas beneficiarias:

Empresas xa constituídas por mulleres, cunha actividade efectiva de polo menos 3 anos, que queiran reactivar, consolidar ou mellorar a súa actividade, cando cumpran os seguintes requisitos:

  • A actividade mínima de 3 anos debe cumprirse no momento de finalizar o prazo de solicitude das axudas (3 de agosto de 2026). Pode haber períodos de inactividade, pero non poden superar os tres meses en total. Tamén poden acceder empresas con menos antigüidade se as promotoras demostraron actividade autónoma nos últimos 3 anos.
  • Deben presentar un proxecto de mellora ou reactivación nun plan de negocio, que inclúa algunha das seguintes medidas:
  • Cambio de localización.
    • Acondicionamiento ou renovación de instalacións, maquinaria ou ferramentas.
    • Renovación do equipamento informático e/ou aplicacións informáticas
    • Implantación de TIC ou ferramentas comerciais.
  • Deben manter ou incrementar os postos de traballo femininos preexistentes.  No caso de incrementar, as novas altas na Seguridade Social deben formalizarse entre o 14 de agosto de 2025 e a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

Contía das axudas:

Postos de traballo femininos existentesContía da axuda
1 posto8 000 €
2 postos12 000 €
3 postos14 000 €
4 ou máis postos17 000 €

C) LIÑA EMEGA INNOVA

Persoas beneficiarias

Empresas de nova creación promovidas por mulleres, baseadas en proxectos innovadores, científicos ou tecnolóxicos, cos seguintes requisitos:

  • O proxecto debe ter alto contido científico, tecnolóxico ou innovador: aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos, I+D+i, novos procesos ou produtos con valor intanxible.
  • Crear os postos de traballo de todas as promotoras.
  • Polo menos o 50% das promotoras deben estar desempregadas no mes previo á alta na Seguridade Social.
  • Polo menos unha promotora debe ter titulación universitaria nunha área relacionada coa actividade empresarial.
  • Iniciar a actividade económica no periodo comprendido entre o 14 de agosto de 2025 e o 3 de agosto de 2026, ambos os dous incluídos. A alta das promotoras na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional tamén deberá estar comprendida nese mesmo período.
  • Non ter desenvolvido actividade na mesma rama (CNAE a 3 díxitos) nos 3 anos anteriores.

Contía  das axudas:

As contías de axuda para a liña Emega Innova son as seguintes:

Postos de traballo femininos creadosContía da axuda
1 posto18.000€
2 postos27.000€
3 postos32.000€
4 ou mais postos42.000€

D) LIÑA EMEGA CONCILIA

Persoas beneficiarias

Empresas que foran beneficiarias dalgunha das outras liñas do programa: Emerxe, Impulsa ou Innova. Trátase dunha axuda complementaria con dúas modalidades:

  • Concilia-promotoras: para empresas nas que algunha promotora teña fillos/as menores de 3 anos na data límite de xustificación da axuda.
  • Concilia-persoas traballadoras por conta allea: para empresas que implanten medidas de conciliación para o seu persoal mediante:
    • Acordo ou pacto de conciliación para todo o cadro de persoal ou plan de igualdade vixente, para a implantación de sistemas de organización do traballo que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade.
    • Acordos individuais de teletraballo cun mínimo do 30 % da xornada nun período de referencia de 3 meses.

Contía das axudas:

En función da modalidad, a contía de axuda para a liña Emega Concilia é a seguinte:

ModalidadeContía da axuda
Concilia-promotoras3.000 € por empresa
Concilia – plan de igualdade
ou acordo de conciliación
4.000 € por empresa
Concilia – teletraballo
(mín. 30 % da xornada)
1.000 € por traballadora
(máx. 5.000 € por empresa)

Criterios de valoración (comúns para todas as liñas):

1.   Postos de traballo femininos xerados (ata 40 puntos)

Valorarase o número de empregos estables para mulleres creados coa iniciativa, xa sexa por conta propia ou allea (contrato indefinido):

  • 1 posto → 10 puntos
  • 2 postos → 20 puntos
  • 3 postos → 30 puntos
  • 4 ou máis → 40 puntos

2.   Sector económico masculinizado (10 puntos).

10 puntos adicionais se a actividade da empresa se desenvolve nun sector con presenza maioritaria de homes, entendéndose como tal aqueles nos que a diferenza porcentual entre homes e mulleres afiliadas é igual ou superior a 20 puntos, segundo os datos do IGE. Pódese consultar o listado aquí.

3.   Inserción laboral de mulleres (ata 8 puntos).

2 puntos por cada unha das seguintes situacións que concorran na/s traballadora/s por conta propia ou por conta allea: maiores de 55 anos; mulleres con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %; mulleres vítimas de violencia de xénero; desempregadas de longa duración (que leven máis de doce meses sen ocupación)

4.   Por ser  unha actividade empresarial de prestación de servizos e conciliación (ata 10 puntos).

  • En concellos de ata 5.000 habitantes: 10 puntos.
  • En concellos de 5.001 a 10.000 habitantes: 9 puntos.
  • En concellos de 10.001 a 15.000 habitantes: 8 puntos.
  • En concellos de 15.001 a 20.000 habitantes: 7 puntos.
  • En concellos de máis de 20.000 habitantes: 6 puntos.

5.   Pola localización da actividade empresarial (ata 17 puntos).

5.1.  Pola poboación do concello na que se localiza a actividade:

  • Ata 5.000 habitantes: 10 puntos.
  • De 5.001 a 10.000 habitantes: 9 puntos.
  • De 10.001 a 15.000 habitantes: 8 puntos.
  • De 15.001 a 20.000 habitantes: 7 puntos.
  • De 20.001 a 40.000 habitantes: 6 puntos.
  • Superior a 40.000 habitantes: 5 puntos.

5.2. Se está  nun concello emprendedor:  5 puntos.

5.3. Se está nalgún dos concellos gravemente afectados pola vaga de incendios forestais no ano 2025 : 2 puntos.

6.         Proxectos que cumpren os requisitos da liña Emega Innova: 15 puntos

Prazo de presentación de solicitudes:

Dende o 4 de xullo ata o 3 de agosto de 2026

Máis información

Conculta a ORDE do 18 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI429A).

Pocedemento de tramitación: SI429A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *