PROGRAMA I: FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS (PROCEDEMENTO TR802G)
BENEFICIARIOS
- Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:
- Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
- Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.
- Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.
- Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
A incorporación deberá supor incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención.
- Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
- A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.
Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.
- Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse cando se trate da incorporación de persoas polas cales se obtiveron as subvencións previstas para a incorporación como persoas socias, nos últimos 5 anos. Estas limitacións non se aplicarán no caso de que a incorporación anterior fose como persoa socia a proba.
- As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
- En todo caso, as cooperativas ou sociedades laborais deberán acreditar a viabilidade do seu proxecto empresarial.
CONTÍA
- Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.
Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
- Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
- Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.
- Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde.
- Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
- Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
- Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
- Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
- Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
Para a aplicación dos citados incrementos teranse en conta as circunstancias que consten acreditadas no momento de ditar a proposta de resolución.
- Por cada mozo ou moza incorporado/a como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.
- Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos no artigo 22.3, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %.
- A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 €.
No caso de que a suma das contías que resulten en aplicación dos parágrafos anteriores sexa superior á subvención máxima que é posible outorgar, atribuiraselle a cada incorporación a contía que proporcionalmente lle corresponda.
A TER EN CONTA
- Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.
- Manter o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención, polo menos durante un período de dous anos desde a data de incorporación das novas persoas socias traballadoras ou de traballo.
- No caso de subvencións por incorporación como persoa socia traballadora ou de traballo con carácter indefinido: manter a persoa pola cal se concede a subvención, como mínimo, nas mesmas condicións en que se outorgou a subvención polo menos durante dous anos desde a súa incorporación.
- No caso de subvencións por incorporación como persoa socia a proba: manter a persoa incorporada, como mínimo, durante o tempo subvencionado. Se se produce o cesamento do mozo ou moza, a empresa beneficiaria está obrigada a substituíla no prazo dun mes por outra, polo menos en tempo de dedicación igual ao anterior. Tanto o feito da baixa como a substitución deberán ser comunicados ao órgano que concedeu a subvención no prazo dun mes contado desde o día en que os ditos feitos se produzan. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.
PROGRAMA II: FOMENTO DO ACCESO Á CONDICIÓN DE PERSOA SOCIA (PROCEDEMENTO TR802J)
BENEFICIARIOS
- Persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:
- Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
- Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
- Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
- Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
- Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo
- Tamén poderán ser beneficiarias as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obteren subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen.
- No caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender, como mínimo, o 50 % da xornada ordinaria. Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.
- Ningunha persoa poderá ser beneficiaria de máis dunha subvención das previstas neste programa,
- No caso das subvencións para acceso á condición de persoa socia traballadora, será necesario acreditar a viabilidade do proxecto empresarial a que se incorpora a persoa solicitante mediante a memoria técnica e económica do proxecto ou plan empresarial.
- No caso das subvencións para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, será necesario acreditar a viabilidade da actividade económica que a persoa realizará por conta propia mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa.
- No caso de cooperativas, o importe da subvención será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social, ou como cota de ingreso que deberá incorporarse ao fondo de reserva obrigatorio. No caso das sociedades laborais, o importe das subvencións será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social.
CONTÍA
- Para as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego, socias a proba da cooperativa á cal se incorporan, asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan, asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada e as que que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia, ata 6.000,00 €.
- Para as persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo ata 3.000,00 €.
Estas contías incrementaranse nas seguintes porcentaxes, que son acumulables entre si:
- Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.
- Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.
- Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde.
- Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.
- Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.
- Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
- Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
- Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
Por cada mozo ou moza incorporado/a como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.
- Cando a dedicación da persoa incorporada sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo a contía máxima dos incentivos previstos anteriormente reducirase ao 50 %.
- As contías referidas nos anteriores puntos en ningún caso poderán ser superiores ás que subscriba o socio ou socia en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais segundo o caso, pola súa incorporación. Para estes efectos, unicamente se terán en conta os importes desembolsados durante o período recollido na convocatoria para a subvencionabilidade do gasto.
A TER EN CONTA
- Manter a condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral a que se incorporan por un período mínimo de dous anos desde a súa incorporación.
- O importe das devanditas subvencións recoñecido como capital social deberá manter o seu carácter de achegas ao capital social de sociedades cooperativas, ou de accións ou participacións sociais de clase laboral, no caso das sociedades laborais, durante un período mínimo de dous anos desde que se realice a achega. Durante este período non poderán ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos. Non obstante, a persoa socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituíla nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo. Esta substitución non dará lugar a unha nova subvención.
- No caso de incumprimento do previsto nos puntos anteriores, procederá o reintegro das cantidades percibidas.
ASPECTOS COMÚNS PARA AMBOS PROGRAMAS
- Prazo de presentación: Ata o 30 de setembro de 2022. Agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
- Período de execución: Dende o 1 de outubro de 2021 ata o 15 de novembro de 2022 .
- Xustificación das accións subvencionadas: Ata o 15 de novembro de 2022
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información podes consultar as bases na ORDE do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social, ou na Sede Electrónica da Xunta nos procedementos TR802G (Programa I: cooperativas e sociedades laborais), e TR802J (Programa II: socios)