MARCO DE APOIO AO ACCESO AO CRÉDITO DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS (FINANCIACIÓN IGAPE-PEMES)

Se tes unha pequena ou mediana empresa e necesitas financiación este convenio interésache.

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas, que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.

Obxecto 

Concédense as axudas en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxectivo é regular as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I ás bases reguladoras.

Procederase á convocatoria para o ano 2023 da Liña de préstamos para o crecemento das pemes-Reavais Crecemento e da Liña de garantías vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos-Reavais Garantías, en réxime de concorrencia non competitiva. 

Persoas beneficiarias 

1. Pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. 

a) Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, aínda carecendo de personalidade xurídica.

3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que a seguir se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Contía das subvencións

A contía das subvencións é a mesma para as dúas liñas. Hai que ter en conta os diferente prazos de vixencia.

I.1. Préstamos avalados para o crecemento das pemes (Reaval Crecemento)

O importe do préstamo que se vai avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €

O prazo mínimo do préstamo que se vai avalar será de 3 anos e non superior a 10 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

I.2. Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos (Reaval Garantías).

O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

O prazo mínimo e vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen recollerse a posibilidade de prórroga na vixencia.

Prazo 

Esta iniciativa finalizará o 29 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva

Acceder ao procedemento de tramitación:

  •  Código de procedemento IG535A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *