A Xunta de Galicia ven de convocar unha liña axudas para incentivar que as empresas leven a cabo accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas traballadoras a través dos “Bonos Talento empresa”. A través desta orde, poderanse financiar, ata un 70%, os gastos derivados da realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal. As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva (por orde de presentación ata o esgotamento do crédito).
Nota: Ampliación do prazo ata o 3 de novembro de 2023 (incluído).
Entidades beneficiarias
As microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, dende tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención.
Tamén poderán solicitalas as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.
Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas.
Actuacións subvencionables
- Accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.
- As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:
- As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.
- As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.
- As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.
- As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posventa, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.
- As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.
- As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
- A entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a 40 horas, cun límite máximo diario de 8 horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro desta orde non terá ningún custo para a persoa participante.
- Estas accións formativas poderán ser executadas en modalidade presencial ou teleformación.
- As actividades formativas poderán conter módulos de aprendizaxe.
- A formación realizada deberá incluír probas de coñecemento sobre os contidos.
- As persoas participantes nas accións formativas terán dereito a recibir a acreditación correspondente de ter participado, sempre que cumpran os seguintes requisitos.
- Non estarán incluídas dentro do obxecto desta orde as accións de formación, acreditacións ou certificacións que resulten de obrigado cumprimento para as empresas ou profesionais autónomos por contrato ou convenio colectivo.
- A participación nas accións formativas será completamente gratuíta para as persoas destinatarias e en ningún caso as entidades beneficiarias lles poderán cobrar por calquera concepto.
Persoas destinatarias das accións formativas
- A) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
- B) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixos descontinuos poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.
Contía da subvención
A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000€.
A intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao 70 % do gasto subvencionable.
O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:
- a) 16,21 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.
- b) 16,82 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.
Período de realización das accións formativas
Comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de novembro de 2023, para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2023.
Para as accións formativas que se desenvolvan entre 2023 e 2024, ou exclusivamente en 2024, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2024.
Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presentación da solicitude de axuda.
Prazo
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 3 de novembro de 2023(incluído), ou ata que se produza o esgotamento do crédito.
Máis información e acceso ao procedemento de solicitud
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.