A Xunta de Galicia está a poñer en marcha un proxecto para acompañar ao comercio de proximidade na súa reactivación, impulsando a súa competitividade a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.
- Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono, que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
- Cada bono terá un valor de 30 €. En función do importe con IVE incluído, poderán obterse os seguintes descontos:
- Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
- Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
- Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Para as persoas usuarias os bonos estarán dispoñibles para a sua descarga dende o 15 de maio ata o 15 de setembro de 2023 e poderán utilizarse ata o 31 de decembro de 2023 agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.
Requisitos entidades colaboradoras
Poderán adherirse os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
- Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
- Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas.
- Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no Anexo I desta orde.
Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa de Bonos Activa Comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal e descargar a aplicación.
Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.
Obrigas dos comercios retallistas adheridos ao programa
Os establecementos comerciais adquirirán as seguintes obrigas:
- Anunciar no exterior do establecemento a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio.
- Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.
- Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida no punto 5 do artigo 16 destas bases reguladoras.
- Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.
- Conservar durante un ano todos os tíckets ou facturas de compra xustificativas da aplicación dos bonos, en tanto poidan ser obxecto de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
- Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitarllas a outras persoas ou establecementos.
Prazo
O prazo para os establecementos comerciais que queiran adherirse ao programa será dende o día 9 maio ata o 1 de setembro de 2023.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
- Código de procedemento CO301B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.