Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para realizar actividades de interese agrario e convocalas para o exercicio orzamentario 2026.
A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é realizar actividades de representación e de formación das persoas asociadas das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e das agricultoras galegas en xeral.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as organizacións profesionais agrarias e as asociacións agrarias.
Requisitos adicionais:
As organizacións profesionais agrarias deben cumprir o seguinte:
- Ter máis de cinco representantes da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.
- Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado, polo menos, o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2026.
As asociacións agrarias deben cumprir o seguinte:
- Ter ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade «811 Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca» consonte o Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.
- Polo menos, dúas das seguintes condicións:
- Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de Goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.
- Estar inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia e ter realizado algún servizo de aconsellamento ou xestión durante o ano 2026.
- Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado, polo menos, o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2026.
- Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal e ter prestado algún servizo de formación durante o ano 2026.
Actividades subvencionables
Serán subvencionables os custos derivados das seguintes actividades realizadas entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026:
- Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.
- Funcións ordinarias de xestión interna.
- Representación perante as institucións.
- Participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados (mesas, comisións, etc.).
- Formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario.
- Fomento do asociacionismo agrario.
A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29. desta lei.
Contía
A contía da axuda partirá dunha prima base de 15.000 €, que poderá incrementarse segundo os seguintes criterios:
- Solicitudes PAC tramitadas: 62,50 € por cada solicitude tramitada por encima do 2 % das solicitudes PAC de Galicia no caso das organizacións profesionais agrarias e do 1 % no caso das asociacións agrarias. Máximo: 187.500 €.
- Representación nos consellos reguladores: 6.250 € por cada representante a partir do sexto no caso das organizacións profesionais agrarias e do primeiro no caso das asociacións agrarias. Máximo: 125.000 €.
- Representación en máis dunha provincia: 20.000 € por cada provincia adicional na que a entidade dispoña de oficina. Máximo: 60.000 €.
O crédito dispoñible distribuirase en dúas partidas: o 80 % para as organizacións profesionais agrarias e o 20 % para as asociacións agrarias. Se non se esgota o crédito dunha partida, poderá transvasarse parcialmente á outra.
Cada partida terá un rateo independente. En todo caso, a axuda non poderá superar o 85 % do custo das actividades subvencionables.
Prazo
Do 8 de outubro ata o 9 de novembro de 2026.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
- Código de procedemento MR321A.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

