AXUDAS BONOS TALENTO EMPRESA 2025 E 2026

Abre o prazo para solicitar os “Bonos Talento empresa”, unha liña de axudas que poden solicitar as empresas galegas para a mellora e a reciclaxe profesional do seu persoal, a través do financiamento de actividades formativas de curta duración.

Obxecto 

A Xunta de Galicia convoca esta liña de axudas, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027,  pensada para dar resposta ás novas necesidades do mercado laboral galego, especialmente nos ámbitos dixital, industrial, asistencial, de xestión empresarial, prestación de servizos e tecnoloxías limpas.

Beneficiarios

As empresas e as persoas autónomas con centro de traballo en Galicia que teñan persoas contratadas por conta allea e que teñan unha  antigüidade mínima de 3 anos ininterrompidos como cotizantes antes da publicación da convocatoria.

Actividades subvencionables

Serán subvencionables as accións formativas non formais de curta duración destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas, coas seguintes características:

  • A duración de cada acción formativa será dun mínimo de 16 horas e un máximo de 100 horas. 
  • As formacións deben encaixar nalgún destes 6 ámbitos: competencias dixitais, procesos industriais, xestión empresarial, prestación de servizos a clientes, ámbito asistencial ou tecnoloxías limpas e eficiencia no uso de recursos.
  • As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)
  • Cada entidade pode presentar 1 proxecto formativo con ata 3 accións formativas.
  • A participación nas accións subvencionadas non terá custo ningún para a persoa participante.
  • O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a 40 horas, cun límite máximo diario de 8 horas.
  • Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderase impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante “aula virtual”.
  • Deberase levar un control diario de asistencia.
  • As actividades formativas poderán incluír módulos de aprendizaxe baseados na experiencia
  • A formación realizada deberá incluír probas de coñecemento sobre os contidos.
  • As persoas participantes nas accións formativas terán dereito a recibir a acreditación correspondente de ter participado, sempre que cumpran o requisito de asistir como mínimo ao 80 % das horas de acción formativa.
  • Non estarán incluídas dentro do obxecto desta orde as accións de formación, acreditacións ou certificacións que resulten de obrigado cumprimento para as empresas ou profesionais autónomos por contrato ou convenio colectivo.
  • As accións deben realizarse entre o 12 de xullo de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

Contía das axudas

A contía máxima de subvención por entidade será de 25.000 € .

A intensidade máxima da axuda dependerá do tamaño da empresa, aplicándose as seguintes porcentaxes::

Tipo de empresa/autónomo% Máximo que pode recibir
Microempresa ou autónomo con persoal70 %
Pequena empresa70 %
Mediana empresa60 %
Grande empresa50 %
Transporte marítimo (condicións especiais)100 %

Ademais, aplicarase un gasto máximo subvencionable de cada acción formativa, determinado pola suma de:

  • 16,70 € por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.
  • 17, 93 € por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.

Prazo 

O prazo de solicitudes comeza o 18 de xullo e remata o 15 de setembro de 2025.

Máis información

Consulta a ORDE do 27 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2025 e 2026 (código de procedemento TR302D).

Acceder á tramitación: código de procedemento TR302D

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *