A Axencia Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) convoca subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva e cofinanciadas con cargo do programa Galicia Feder 2021-2027, co fin de impulsar proxectos e actuacións en Galicia que incrementen o aforro e a eficiencia enerxética, fomenten unha economía baixa en carbono e melloren a competitividade das empresas galegas nun mercado global.
BENEFICIARIAS
- Empresas legalmente constituídas e persoas autónomas con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
- Empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia. Para poderen ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.
PROXECTOS SUBVENCIONABLES
Serán subvencionables os proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se executen en Galicia, con ratios de aforro enerxético anual iguais ou superiores aos indicados a continuación para cada liña:
- Liña PAPEME. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes: Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,3 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible
- Liña PAGE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas: Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,4 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible
- Liña PAE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en polo menos un 30 %: Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,3 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible e que ademais reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI
- Liña PAP. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas: Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,4 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible
Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética, cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.
REQUISITOS DOS PROXECTOS
- Os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude.
- O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 15.000 € por actuación (IVE non incluído). No caso de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, o investimento para que a actuación sexa subvencionable ten que ser superior aos 200.000 € (IVE non incluído).
- Todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH).
- Respecto aos requisitos técnicos, ver REQUISITOS TÉCNICOS DOS PROXECTOS SUBVENCIONABLES
A ter en conta:
Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos, será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as cales se solicite axuda.
Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos, terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.
Non serán subvencionables os investimentos que se realicen para que as empresas se adecúen a normas da Unión xa adoptadas, estean ou non en vigor. Como excepción serán subvencionables os investimentos para cumprir normas da Unión xa adoptadas, sempre e cando os ditos investimentos estean rematados cunha antelación mínima de 18 meses antes da entrada en vigor da norma.
CONTÍA DAS AXUDAS
- A intensidade da axuda en función do regulamento de aplicación será a indicada nas seguintes subepígrafes e, de ser o caso, limitarase a axuda que se vaia conceder cando sexan de aplicación os limiares establecidos nos restantes puntos deste artigo.
Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 2023/2831 de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura):
- A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.
Solicitudes acollidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral da exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios:
- A contía da subvención será do 20 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e, un 10 % no caso de medianas empresas.
Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios
- A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas, e un 10 % no caso de medianas empresas.
2. Para axudas de más de 100.000 €, limítase a axuda conforme o aforro enerxético xustificado, segundo a seguinte táboa:
Tipoloxía do/da beneficiario/a | Axuda máxima en función do aforro enerxético |
Pequena empresa | Se AEF < 80 MWh/ano: AM = 100.000 Se AEF ≥ 80 MWh/ano: AM = AEF × 1.250 |
Mediana empresa | Se AEF < 100 MWh/ano: AM = 100.000 Se AEF ≥ 100 MWh/ano: AM = AEF × 1.000 |
Grande empresa | Se AEF < 150 MWh/ano: AM = 100.000 Se AEF ≥ 150 MWh/ano: AM = AEF × 675 |
Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas (PAP) | Se AEF < 80 MWh/ano: AM = 100.000 Se AEF ≥ 80 MWh/ano: AM = AEF × 1.250 |
AEF= aforro enerxético anual de enerxía final en MWh/ano
AM= axuda máxima por expediente en función da tipoloxía de beneficiario e o aforro enerxético en euros.
3. Establécese unha axuda máxima por expediente de 300.000 € no caso de acollerse ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 de minimos e de 1.000.000 € no caso de acollerse ao Reglamento (UE) nº 651/2014.
4. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 2.000.000 €.
5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
INCOMPATIBILIDADE
As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade.
PRAZO DE SOLICITUDE
Dende o 16 de xullo ata o 16 de setembro de 2024.
Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude incluirá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización, e que se valorarán de xeito conxunto.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IN417Y
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.