AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO DE AUTÓNOMO 2022

A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que inicien unha actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos gastos xerados no comezo da súa actividade.

BENEFICIARIOS

Terán consideración de beneficiarias aquelas persoas que causen alta en el réxime especial de autónomos en cualquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro do 2022, ambos inclusive, coma titulares ou cotitulares do negocio ou explotación que cumpran as seguintes condicións:

  • Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral por conta propia.
  • Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
  • Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
  • Ter o domicilio fiscal en Galicia.
  • Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
  • Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

PRAZO

O prazo remata o 30 de setembro de 2022, pero as axudas iranse concedendo por orde de presentación ata o esgotamento do crédito.

CONTÍA DAS AXUDAS

A contía das axudas establécese en función da situación da persoa autónoma no momento de inicio da súa actividade:

a)  2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos (que non serán acumulables):

  • Persoas menores de 30 anos.
  • Persoas desempregadas de longa duración.
  • Persoas desempregadas con discapacidade.
  • Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

Ademais, a contía base anterior incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

  • Se a persoa dada de alta é unha muller.
  • No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural. (En todo caso son concellos non rurais: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra, Vigo)
  • Persoas maiores de 45 anos.
  • Persoa emigrante retornada.
  • Persoas trans.
  • Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura como anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables ata un máximo de 10.000 euros.

INCOMPATIBILIDADES

A subvención establecida neste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade así como con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2022 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes, así como co Programa do bono nova oportunidade que se convoque no ano 2022.

SOLICITUDES

A presentación de solicitudes farase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ao que se pode acceder a través desta ligazón.

As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo».

MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información podes consultar as bases na Orde do DOG nº 250 do 2021/12/30 – Xunta de Galicia

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *