AXUDAS PARA A COMERCIALIZACIÓN E DIFUSIÓN DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS E VIDEOXOGOS EN FOROS DE NEGOCIO ESPECIALIZADOS E EVENTOS DE CINE

Convocadas as axudas para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine para o ano 2024.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no marco do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega  impulsado pola Xunta de Galicia,  convoca esta liña de axudas para seguir impulsando un marco de actuación cultural baseado en catro premisas: o impulso dos sectores audiovisuais e dos videoxogos galegos, a consolidación de industrias audiovisuais competitivas , a búsqueda de excelencia nos productos culturais galegos e a mellora da cualificación profesional nas empresas individuais e o fomento da participación dos postos directivos das producións en foros de formación e de negocio de carácter internacional.

Entenderase por foros de negocio especializados, aqueles eventos profesionais de carácter internacional que teñan por obxecto o financiamento de proxectos e a comercialización de obras audiovisuais e videoxogos e por eventos de cine, aqueles certames de premios e festivais dirixidos á promoción e a difusión do audiovisual nacionais e internacionais que se celebran fóra de Galicia.  As datas de celebración deben estar comprendidas entre o 16 de novembro de 2023 e o 15 de novembro de 2024 e deben estar incluídos na claúsula cuarta da orde. 

BENEFICIARIOS

Modalidade A: Asistencia a foros de negocio especializados.

As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora audiovisual ou de videoxogos, e/ou distribuidora audiovisual, que desenvolvan a súa actividade no campo audiovisual ou de videoxogos galego baixo as epígrafes 961.1, 962.1 do IAE, e 582.1, 620 da CNAE, participen nalgún dos foros de negocio especializados que se relacionan na base seguinte e poidan acreditar ter realizado o rexistro oficial nel.

Modalidade B: Participación en eventos de cine.

  • As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE e poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra e participen nalgún dos eventos de cine, fóra de Galicia, que se relacionan na base seguinte.
  • As persoas físicas que figuren como director ou directora da obra, cando o obxecto da subvención sexa a participación do filme nalgún evento de cine dos indicados na base seguinte sempre que se poida acreditar a selección oficial nel.

COMPATIBILIDADE

  • Compatible: con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes da Administración da Xunta de Galicia e de calquera outra Administración ou ente público ou privado e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.
  • Incompatibles: con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e dos seus organismos dependentes.

En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo do evento.

Estas axudas están suxeitas ao réxime de minimis.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES E CONTÍAS

  • Modalidade A. Asistencia a foros de negocio especializados. 

Axuda de ata o 60 % dos gastos subvencionables derivados da asistencia dunha persoa por entidade solicitante aos mercados e foros internacionais indicados e ata as contías máximas que se especifican.

Se a asistencia for virtual recoñecerase unicamente como gasto subvencionable o relativo ao rexistro no mercado ou foro dunha persoa por entidade solicitante polo 100 % do custo sen superar as cantidades establecidas. 

A subvención máxima anual que pode acadar cada entidade solicitante por asistir a mercados ou foros de negocio audiovisuais é de 3.520 euros.

  • Modalidade B. Participación en eventos de cine. 

Será obxecto de axuda a totalidade dos gastos subvencionables derivados da participación dunha obra audiovisual e dos seus representantes nos certames de premios e nos festivais de cine de fóra de Galicia que se relacionan, e coas contías máximas que se especifican por  categoría e sección, sen que unha mesma produción poida recibir subvención por ter participado en máis de dous certames de premios e máis de dous festivais de cine.

GASTOS SUBVENCIONABLES

Modalidade A.

Gastos derivados da presenza física ou virtual no foro ou mercado dunha persoa por entidade solicitante e, en concreto, os relativos a desprazamento, aloxamento e rexistro no foro ou mercado, debidamente xustificado con facturas dos provedores dos servizos (establecementos, empresas de transportes ou axencias de viaxe).

Só se admitirán gastos de desprazamento de liña regulares con tarifas de clase turista e deberá constar na xustificación a acreditación do dito desprazamento.

Non se consideran gastos subvencionables as axudas de custo e o desprazamento dentro das cidades en que se celebre o foro ou mercado, a excepción dos traslados de aeroporto.

Modalidade B.

Gastos exclusivamente inherentes á participación de películas galegas nalgún dos certames de premios, festivais ou mostras que se definen na convocatoria:

  • Gastos en campañas de publicidade e promoción.
  • Gastos de realización de material promocional (folletos, carteis, carpetas de prensa…).
  • Gastos de contratación de empresas e profesionais de relacións públicas, organización de accións promocionais ou axentes de prensa para levar a cabo as accións relacionadas coa participación nos eventos.
  • Gastos de transporte para o envío e retorno do material promocional.
  • Gastos de desprazamento, aloxamento e axudas de custo do equipo da película, debidamente xustificado con facturas dos provedores dos servizos (establecementos, empresas de transportes ou axencia de viaxes), para un máximo de cinco persoas.
  • Gastos de tiraxe e/ou subtitulado das copias exixidas para participar en cada evento conforme o seu regulamento.
  • Gastos varios (ata un 10 % do importe da subvención).

Só se admitirán gastos realizados entre o 16 de novembro de 2023 e un mes despois da celebración do evento, e sen exceder o límite máximo do 15 de novembro de 2024. En ningún caso os custo de adquisición dos gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor do mercado.

Non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os intereses debedores de contas bancarias, os intereses, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

PRAZO

Ata esgotamento do crédito, e con data límite do 4 de novembro de 2024.

Deberase presentar unha solicitude para cada evento. 

MÁIS INFORMACIÓN

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2024 

Código de procedemento: CT404D

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *