AXUDAS DO PROGRAMA EMPRESA CIBERSEGURA 2025

O Programa Empresa Cibersegura 2025 nace para axudar ás empresas galegas a reforzar a súa ciberseguridade, ofrecendo apoio económico para implementar solucións que garantan a continuidade e confianza no ámbito dixital. Se queres anticiparte aos riscos e protexer a túa empresa, esta é a túa oportunidade.

Esta convocatoria de axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas  (Programa Empresa Cibersegura) ten  como finalidade apoiar a adopción de solucións, servizos e actuacións que incrementen a capacidade de prevención, detección e resposta fronte a incidentes de seguridade dixital no ámbito empresarial, contribuíndo así á transformación dixital segura do tecido produtivo de Galicia.

Beneficiarios  

Empresarios individuais (autónomos) e persoas xurídicas que teñan a condición de empresa, con independencia do seu tamaño, que teñan domicilio social ou un centro de traballo en Galicia no que se desenvolva a actividade.  Ademais, deberán atoparse validamente constituídas no momento da solicitude.

Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas que presten servizos de ciberseguridade de natureza análoga ao obxecto da axuda e que puidesen actuar como provedores.

Conceptos subvencionables

Poderán subvencionarse os gastos derivados do acceso a servizos especializados de ciberseguridade prestados por entidades provedoras homologadas, segundo as categorías e conceptos a subvencionar:

  1. Diagnóstico de madurez e análise de riscos.
  • Auditorías técnicas para avaliar a madurez dixital e riscos de ciberseguridade.
  • Informe técnico con recomendacións e propostas de mellora.
  1. Prestación de itinerarios técnicos en modelo de servizo.
  • Cloudificación IaaS. 
  • Securización ITaaS.
  • Securización OTaaS.
  1. Actuacións complementarias de prestación única.
  • Hacking ético.
  • Concienciación e cultura en ciberseguridade.
  • Gobernanza e políticas de ciberseguridade.
  • CISO as a Service (CISOaaS).

Non serán subvencionables os gastos de mantemento ordinario das infraestruturas existentes nin os investimentos en hardware ou adquisición de equipamentos físicos. 

Será o Igape o que seleccione os provedores que poden prestar este tipo de servizos. A relación de provedores homologados estará dispoñible na sede electrónica do Igape (https://www.igape.gal/gl/entidades-homologadas-ciber), e poderá ser actualizada en función das altas e das baixas no catálogo.

Só se admitirán aquelas solicitudes que presenten un gasto subvencionable igual ou superior a 18.000 € (investimento mínimo).

Contía 

Concederase unha axuda do 75 %, ata un máximo de 30.000 € (investimento máximo subvencionable: 40.000 euros).

Non se subvencionarán actuacións que non acaden un  investimento mínimo de 18.000 €.

Prazo 

O prazo para a presentación de solicitudes comeza o 25 de agosto e finaliza o 15 de novembro de 2025.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2025  pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408O).

Acceder ao procedemento de tramitación:

  •  Código de procedemento IG408O

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *