AXUDAS Á MELLORA DE INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS 2024

Se tes un aloxamento turístico ou de restauración en Galicia informámoste de que xa se poden solicitar as subvencións para a mellora de infraestructuras que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Estas subvencións teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación  da mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da nosa Comunidade Autónoma. 

Persoas beneficiarias: 

Persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado o establecemento turístico para o que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).

As empresas deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (PEME)

Accións subvencionables. Condicións: 

Serán subvencionables as accións de mellora que se realicen en calquera dos seguintes establecementos turísticos: 

  • Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos
  • Os restaurantes inscritos e clasificados no REAT

As obras de mellora terán que ser iniciadas a partir do 1 de Xaneiro de 2024.

Poderán subvencionarse os seguintes investimentos: 

  • Mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. 
  • Obras para mellorar as instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade (especialmente o Q de calidade Turística). 
  • Actuacións de adaptación as modificacións normativas e a mellora da clasificación do establecemento que supoña un incremento de categoría.
  • Renovacións e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.  
  • Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
  • Melloras da climatización que favorezan a sustentabilidade e a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
  • Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.
  • Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

O investimento neto (importe orzamento unha vez deducido o IVE) poderá ser de ata 100.000 euros. 

No caso de obras, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou certificado do concello que deberá presentarse no momento da xustificación da subvención. 

Gastos subvencionables:

  • Os investimentos netos do solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
  • Aqueles vencellados coa execución do proxecto e tamén os servizos profesionais vinculados ao proxecto , como honorarios técnicos (înferiores ao 6% do investimento neto admitido)  de redacción do proxecto e de dirección de obra. 
  • Os tributos cando a persoa beneficiaria os aboe efectivamente.

Gastos non subvencionables: 

Aqueles que non esten directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes: 

  • Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
  • Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como enxoval de cociña e comedor, enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.
  • Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría,…).
  • Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares. 
  • Gastos de conectividade. 
  • Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante
  • Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. 
  • Impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. 

Criterios de valoración:

Os proxectos ou actuacións deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes: 

  • Antigüidade segundo a data de incrición no no REAT. Máximo 18 puntos.
  • Grao de investimento. Valorarase o investimento que se realice polo dito concepto en relación coa superficie construída do establecemento. A puntuación máxima será de 15 puntos.
  • Impacto no emprego: Favorecerase o mantemento e a creación do emprego da empresa ou entidade solicitante durante o ano 2023. Puntuación máximo será de 10 puntos. 
  • Tamaño da entidade ou empresa. Favoreceranse os proxectos das empresas ou entidades de menor tamaño. Puntuación máxima de 15 puntos. 
  • Que a empresa ou entidade estea en posesión dalgún certificado de calidade para o sector turístico referido ao establecemento para o cal se pide a axuda: 16 puntos. 
  • Que a empresa ou entidade posean algunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida referida ao establecemento para o cal se pide a axuda: 16 puntos.
  • Que a empresa ou entidade teña implantado un plan de formación/plan de igualdade: 10 puntos.

Contía da axuda: 

A subvención poderá ser de ata o 60 % sobre o orzamento de gastos subvencionables, cun importe máximo por entidade beneficiaria de 60.000 €. A porcentaxe da axuda sobre o investimento subvencionable calcularase en base a puntuación que acaden os proxectos presentados:

Puntos% axuda
80-10060%
60-7950%
30-5940%

Os proxectos que non acaden un mínimo de 30 puntos non obterán subvención. Se dúas ou mais solicitudes acadan igual puntuación e non existe crédito suficiente para atendelas a todas, priorizaranse aquelas solicitudes en que o establecemento para o cal se solicita a axuda sexa o de maior antigüidade.

Ao tratarse dunha axuda suxeita ao reglamento das axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibir outras axudas baixo este réxime, non se supera o límite de 300.000 € durante os tres anos previos.

Prazo:

Do 18 de xaneiro de 2024 ata o 19 de febreiro de 2024. 

Máis información:

Consulta a RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024.

Código de procedemento de tramitación: TU503A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación só ten fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *