A Consellería de Política Social e Igualdade convoca as seguintes axudas, en réxime de concorrencia competitiva, co obxectivo de fomentar a igualdade de xénero no coidado e educación dos fillos e fillas e facilitar a conciliación familiar e laboral a través da redución da xornada de traballo.
BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de 3 anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:
- No caso de unidades familiares non monoparentais de persoas proxenitoras de distinto sexo, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
- No caso de unidades familiares non monoparentais de persoas proxenitoras do mesmo sexo, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta orde e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
- No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos, segundo o establecido no artigo 6 desta orde, e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións; en particular os seguintes:
- Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega.
- Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos en que exista un acordo de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do citado acordo.
- Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2023.
- Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.
- En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.
En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.
ACCIÓNS SUBVENCIONABLES
Será obxecto desta subvención a redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de 3 anos ou menor de 12 anos no suposto de que teña recoñecida unha discapacidade dunha porcentaxe mínima do 33 %.
Tamén será subvencionable a redución de xornada nestes supostos:
O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de 8 meses comprendidos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos. A redución de xornada terá que ser, polo menos, do 12,5%.
Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada nos cales se cumpran os requisitos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, co límite máximo de 8 meses.
CONTÍA DAS AXUDAS
Para a determinación do importe da axuda establécese un método de custos simplificados, utilizando o método custo unitario, neste caso baseado no dato do custo salarial total por cada persoa traballadora, como media dos catro trimestres do ano 2023, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, cun importe de 1.952,52 €/mes.
A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos e custos unitarios:
a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
- Cun fillo ou filla a cargo: 1.700,00 euros (custo unitario nº 1).
- Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000,00 euros (custo unitario nº 2).
- Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300,00 euros (custo unitario nº 3).
b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
- Cun fillo ou filla a cargo: 2.800,00 euros (custo unitario nº 4).
- Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100,00 euros (custo unitario nº 5).
- Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400,00 euros (custo unitario nº 6).
c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
- Cun fillo ou filla a cargo: 3.100,00 euros (custo unitario nº 7).
- Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400,00 euros (custo unitario nº 8).
- Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700,00 euros (custo unitario nº 9).
Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, nalgún momento do período subvencionable, incluíndo aqueles polos que se solicita a redución de xornada.
A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses ou cando a xornada se realice a tempo parcial. Para o cálculo da contía da axuda, computaranse meses de 30 días.
Para a asignación do tramo de contía da axuda, de acordo coas súas maiores dificultades para a conciliación e o maior risco de vulnerabilidade, no caso de fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade dunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %, estes computaranse aplicando un coeficiente multiplicador de 2. Nesta mesma liña, e tendo en conta tamén os seus menores ingresos, no caso de familias monoparentais contabilizarase cada fillo/a que conviva coa persoa titular da familia monoparental aplicando un coeficiente multiplicador de 2.
No caso de que no período subvencionable existan distintas porcentaxes de redución de xornada que comporten tramos diferentes no cálculo de axuda, tomaranse de forma prioritaria os períodos que representan unha contía de subvención máis alta, tomando como límite máximo o importe do custo unitario que resulte máis beneficioso.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:
1.1. Polo nivel de ingresos da unidade familiar, ata 35 puntos.
1.2. Polo número de fillas e fillos menores de doce (12) anos no período subvencionable, ata 40 puntos.
1.3. Pola solicitude procedente de familia monoparental e ou de unidades familiares con fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade mínima do 33%: 10 puntos. No suposto de darse ambas as dúas circunstancias recollidas no parágrafo anterior, obteranse 20 puntos.
- No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación terase en conta a puntuación obtida en cada criterio de valoración segundo a orde en que figuran.
INCOMPATIBILIDADES
As axudas previstas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra subvención pública co mesmo obxecto e finalidade.
PRAZO DE SOLICITUDE
Ata o 9 de setembro de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: SI440A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.