O obxectivo desta subvención é impulsar e apoiar a creación e difusión de audiolibros en galego e de libros adaptados a lectura fácil, fomentando a inclusión cultural, a diversidade de formatos e a accesibilidade. Búscase favorecer o acceso universal á cultura, abrido ao mesmo tempo novas vías de negocio para o sector.
Inclúense as seguintes modalidades de produción, distribución e comercialización:
- Modalidade A. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego.
- Modalidade B. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego,
Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas privadas dadas de alta no epígrafe 476.1 do IAE (Industria Editorial) antes do 1 de xaneiro de 2025, que desenvolvan a súa actividade como editoras de libros e estean domiciliadas en Galicia ou nun Estado membro da UE ou do EEE, sempre que realicen a actividade subvencionada en Galicia.
Requisitos dos proxectos subvencionables
Subvencionaranse a edición e a comercialización de libros que pertenzan a algúns dos seguintes xéneros: novela, poesía, teatro, banda deseñada, ensaio e divulgación científica.
Para ambas modalidades, as obras deben terse editado, comercializado e distribuído entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
Os libros creados ou adaptados de lectura fácil e os audiolibros obxecto de subvención deberán estar correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente.
Ademais, deben cumprir cos estándares de calidade, accesibilidade e legalidade.
Non se admiten proxectos que non estean íntegramente en lingua galega ou que xa foran subvencionados noutras convocatorias autonómicas para o mesmo fin.
Requisitos para a modalidade A (audiolibros). Os audiolibros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:
- Ter como orixe unha obra cuxa primeira edición fose publicada previamente en galego nos últimos dez anos ou en calquera outro idioma que se traducise para a lingua galega, e deberán ser unha reprodución fidedigna dela.
- Ser unha reprodución fidedigna da obra na cal teñan a súa orixe.
- Editarse para a súa comercialización, é dicir, a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.
- Comercializarse a través de plataformas de distribución dixital.
- Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.
- Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 5 audiolibros.
- As persoas solicitantes deberán presentar un plan de edición individualizado por cada obra para que se solicita subvención.
Requisitos para a modalidade B (Libros de lectura fácil). Deberán reunir as seguintes características:
- Estar editados en galego ou calquera outro idioma que, de ser o caso, se traducirá á lingua galega, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital. Enténdese por edición comercial a que está suxeita a un prezo de venda ao público.
- Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego, durante os últimos dez anos e da que non exista adaptación en lectura fácil no mercado.
- Serán traducións ao galego de obras publicadas noutro idioma e que xa estean adaptados en lectura fácil.
- Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.), só se poderá presentar nunha delas.
- Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.
- Empregarán o logo de Lectura fácil como selo de calidade, que garante o seguimento das Directrices internacionais de lectura fácil marcadas pola IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas) e Inclusion Europe, e, polo tanto, acredita a validación das obras adaptadas.
- Serán difundidos a través do mercado do libro e, de ser o caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.
- Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 5 libros adaptados en lectura fácil.
Gastos subvencionables
Serán subvencionables os gastos que correspondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e que resulten necesarios para a súa realización:
Modalidade A (Audiolibros en galego)
- Gravación e edición sonora profesional.
- Locución (voz profesional ou sintética de alta calidade).
- Corrección e revisión do texto.
- Axustes técnicos para accesibilidade.
- Publicación en formato dixital descargable ou en streaming.
- Gastos de alugueiro do equipo técnico necesario para a produción
- Gastos de distribución
- Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.
Modalidade B (Libros de lectura fácil en galego)
- Redacción e adaptación do texto segundo as normas da lectura fácil (claridade, sinxeleza, estrutura accesible).
- Ilustracións ou elementos gráficos que axuden á comprensión.
- Maquetación específica para accesibilidade.
- Impresión (se é en formato físico).
- Conversión a formato dixital accesible.
- Gastos de comercialización e distribución.
Contía das axudas
No caso da modalidade A (audiolibros), adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación, asegurando que o importe final adxudicado a cada audiolibro sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria. O importe máximo subvencionable por audiolibro será de 5.000 €, cunha axuda total máxima de 20.000€ por empresa editora.
No caso da modalidade B ( libros en lectura fácil), adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación, asegurando que o importe final adxudicado a cada libro en lectura fácil sexa o 90 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria. O importe máximo de subvención no caso do libro adaptado en lectura fácil será de 6.000 € por obra e de 15.000€ por empresa editora.
Estas axudas están suxeitas ao réxime de minimis
Prazo
O prazo de solicitudes está aberto ata o 26 de xullo de 2025.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: códigos de procedemento CT238B (A) y CT238C (B)
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resume ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.