A Casa do Maior está deseñada para mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada (grao I) e sen dependencia recoñecida, a través de atención diúrna específica para satisfacer as súas necesidades de alimentación, hixiene e lecer, evitando o internamento en outros recursos.
Este recurso busca evitar a institucionalización e reducir a dependencia e illamento social, promovendo un envellecemento activo e saudable e facilitando recursos e apoios que permitan ás persoas maiores manter a súa independencia nunha contorna segura e acolledora.
Co obxectivo de impulsar estas iniciativas, no ano 2023 convocáronse axudas para a posta en marcha de casas do maior para os anos 2023 e 2024. Neste marco de actuación e vendo a importante labor social que realizan, a Xunta de Galicia publica este ano esta convocatoria de subvencións para fomentar o mantemento das casas do maior postas en marcha no ano 2023 e contribuír á súa consolidación.
BENEFICIARIOS
Persoas físicas que se estableceron como empresarias autónomas ou que constituíron cooperativas de traballo asociado durante o ano 2023 para poñer en marcha unha casa do maior.
ACTIVIDADES SUBVENCIONABLES
Serán subvencionables, ao abeiro desta convocatoria, os gastos para a prestación da atención individualizada das persoas maiores de 60 anos, en situación de dependencia grao I, e das persoas sen dependencia como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
- É necesario atender un mínimo de 1 persoa e un máximo de 5 persoas maiores.
- As persoas usuarias deben estar empadroadas no concello onde se atopa a casa
CONTÍA DA AXUDA
A contía da axuda para o mantemento da casa do maior é de 24.800 euros por ano, entregados en forma de prima destinada a apoiar a iniciativa emprendedora.
Se as persoas beneficiarias optan por asumir o desprazamento das persoas usuarias, poderán percibir un máximo de 10 euros por persoa usuaria e día.
Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada do desenvolvemento da actividade, abonarase un complemento da prima de 150 euros semanais durante o período que dure a dita baixa.
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 27 de xaneiro de 2025.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO BS212B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.