A Consellería de Cultura xa abriu o prazo desta convocatoria de axudas para o exercicio 2024, en concorrencia non competitiva, dirixidas aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten a un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado.
BENEFICIARIOS
Empresas, persoas físicas e persoas xurídicas sen ánimo de lucro que promovan as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito da orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada.
Requisitos
- Que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas desde o ano 2017 en diante e estean finalizadas a data 13 de maio (día da publicación desta orde)
- Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección, de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica en Galicia.
- Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co Decreto 199/1997
ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES
As intervencións arqueolóxicas enunciadas no artigo 95 da citada Lei 5/2016, debidamente autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:
Exclusións:
- As actividades arqueolóxicas promovidas por particulares derivadas das medidas protectoras, correctoras e compensatorias establecidas nos plans, programas e proxectos con incidencia sobre o territorio, así como as incluídas nos procedementos de avaliación ambiental.
- As actuacións que, na data de publicación desta orde, xa foron obxecto de indemnización pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por sentenza xudicial, ou subvencionadas en anteriores convocatorias pola presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.
- As intervencións arqueolóxicas respecto daquelas obras obxecto de sanción en materia do patrimonio cultural, ou que deriven da tramitación ou resolución dun procedemento sancionador.
- Se a promotora da obra é unha Administración pública ou concesionario ou se os bens inmobles obxecto da actuación son públicos.
CONTÍA
1. As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá unha soa vez por persoa beneficiaria e obra, polas seguintes contías:
- O 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000,00 € por proxecto, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais. Esta porcentaxe será do 30 %, co límite de 12.000 €, no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias co 20 % dos custos por ter entregado o informe valorativo a que se refire o parágrafo seguinte.
- O 20 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado, e co límite de 8.000 €, no caso da presentación e a entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.
2. O importe das subvencións percibidas para cada intervención arqueolóxica non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados supere o custo da actividade subvencionada.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
Ata o 13 de xuño de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
Código de procedemento:CT104B
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.