A Xunta de Galicia convoca axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a realizar investimentos por parte das pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a unha actividade sostible, socialmente responsable e competitiva. Estas axudas están cofinanciadas nun 70 % polo FEMPA en un 30 % polo Estado membro.
Os obxectivos destas axudas son, entre outros:
- Fomentar a calidade e o valor engadido dos produtos.
- Aumentar a eficiencia enerxética, reducir o impacto no ambiente ou melloren a mobilidade sostible.
- Mellorar a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións do traballo.
- Favorecer a economía circular mediante a prevención, a optimización de procesos, a minimización dos residuos…
- Fomentar a transformación de produtos de acuicultura ecolóxica.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, sempre que teñan a condición de peme e pertenzan ao sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.
A TER EN CONTA
Os investimentos teranse que realizar nun centro localizado en Galicia.
No caso de investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa beneficiaria deberá, durante os 5 anos seguintes ao pagamento final da axuda:
- Non cesar nin transferir a actividade produtiva fóra de Galicia.
- Non cambiar a propiedade de ningún elemento de infraestrutura.
- Non producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións da execución da operación.
No suposto de adquisición e construción de bens inventariables, o período durante o cal a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención non poderá ser inferior a 5 anos.
INVESTIMENTOS E GASTOS SUBVENCIONABLES
- Os investimentos que acaden a finalidade obxecto de subvención.
- O gasto derivado da certificación ou da elaboración do informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, no caso de subvencións de importe superior a 30.000 €, así como os custos que resulten dos proxectos e asesoramentos necesarios para acometer o investimento produtivo obxecto de financiamento.
- De ser o caso, os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.
Para a xustificación material e documental dos investimentos será o 30 de outubro de 2024 para a primeira anualidade e o 30 de outubro de 2025 para a segunda.
Non serán subvencionables:
- O IVE non outros impostos recuperables.
- As transferencias de propiedade dunha empresa.
- Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalación e equipamentos.
- As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalación e equipamentos de segundo uso e posteriores.
- A adquisición de terreos por un custo superior ao 10 % do total do gasto subvencionable da operación. No caso de zonas abandonadas ou cun pasado industrial este límite aumenta ata o 15 %.
- A compra de edificios ou locais se estes foron subvencionados nos últimos 10 anos.
- As obras vinculadas co proxecto de investimento: vivendas, comedores, equipamentos de recreo…
- A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.
- A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou pagados mediante préstamos de entidades provedoras.
- O custo de elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.
- Os xuros da débeda.
No ámbito da innovación:
- As adaptacións ás necesidades dun cliente específico que non representa características diferentes aos produtos fabricados por outros clientes.
- Os cambios de deseño que non modifican a función ou as características técnicas do ben/servizo.
- Sistemas de fabricación ou loxística similares aos xa en uso.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
Para avaliar as solicitudes utilizaranse 4 categorías de criterios de selección:
Xerais
- A aplicación dos criterios xerais teñen carácter obrigatorio e servirán para determinar se unha operación é apta ou non para ser cofinanciada.
- As solicitudes con puntuación menor ou igual a 4 puntos non serán subvencionables.
- Este epígrafe terá un valor do 30 % do total dos criterios de selección.
- A puntuación máxima posible para este criterio será de 10 puntos, segundo os seguintes aspectos:
- Contribución á Estratexia, DAFO e tipo de actividade do programa: 0-6 ptos.
- Adecuación á estratexia: 0-2 ptos.
- Adecuación ao DAFO: 0-2 ptos.
- Contribución a indicadores de resultado: 0-2 ptos.
- Contribución a outros plans e programas: 0-2 ptos.
Horizontais ambientais e sociais
- Este epígrafe terá un valor do 20 % do total dos criterios de selección.
- A puntuación máxima posible para estes criterios será de 4 puntos, segundo os seguintes aspectos:
- Aspectos ambientais: 0-2 ptos.
- Aspectos sociais: 0-2 ptos.
Específicos de viabilidade técnica e/ou económico
- Este epígrafe terá un valor do 20 % do total dos criterios de selección.
- A puntuación máxima posible para estes criterios basearase nos seguintes aspectos:
- Criterios de viabilidade técnica: 0-2 ptos.
- Criterios económicos: 0-2 ptos.
Específicos polo tipo de actividade
- Este epígrafe terá un valor do 30 % do total dos criterios de selección.
- A puntuación máxima posible para estes criterios basearase nos seguintes aspectos:
- Orixe da materia prima dos produtos transformados: 0-2 ptos.
- Innovación, valor engadido e política de calidade: 0-2 ptos.
CONTÍA
A contía máxima da axudas será o 50 % do gasto máximo subvencionable.
Esta intensidade poderase incrementar ata o 100 % do importe subvencionable, sempre e cando concorran todos os criterios seguintes:
- Ser de interese colectivo
- Ter un beneficiario colectivo
Ter características innovadoras ou garantir o acceso do público aos seus resultados.
O importe dos gastos subvencionables será o que e obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes técnicos emitidos.
PRAZO DE SOLICITUDE
Dende o 19 de xuño ata o 18 de xullo de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: PE201B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.