Esta convocatoria enmárcase na estratexia do IGAPE que busca priorizar os dous piares fundamentais no presente e futuro das estratexias económicas: a sustentabilidade e a dixitalización.
A través desta liña subvenciónanse gastos de consultoría e investimentos que busquen o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos ou subprodutos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.
BENEFICIARIOS
Pemes con centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas as persoas autónomas.
As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais ou colectivos. Para poder solicitar as axudas na tipoloxía de proxectos colectivos, as persoas beneficiarias deberán previamente constituír unha agrupación de, polo menos, tres pemes con centro de traballo en Galicia.
TIPOLOXÍAS DE PROXECTOS
- Proxectos individuais nos cales unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG deseñadas e desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.
- Proxectos colectivos de simbiose industrial nos cales un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta.
Os proxectos propostos deben dirixirse a un ou varios dos seguintes obxectivos:
GLOBAIS
- Auditoría e avaliación de riscos ASG: proxectos de identificación, diagnose e propostas de xestión dos riscos relacionados cos factores ASG.
- Consultoría e certificación de empresa B Corp.
AMBIENTAIS
Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:
- Redución do consumo de recursos naturais, materiais primas e semielaborados.
- Mellora da eficiencia enerxética.
- Monitoraxe e control de procesos.
- Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.
Redución da xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade deste e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:
- Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.
- Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.
- Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.
- Consultoría e certificación de ecodeseño: ISO 14006.
Análise do ciclo de vida do produto:
- Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.
- Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio “berce a berce”.
SOCIAIS
- Diversidade e inclusión: elaboración de plans de fomento dun contorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa.
- Ética laboral: propostas de prácticas laborais xustas e éticas para asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas.
- Elaboración de programas de investimentos na Comunidade, participación en actividades que beneficien ás comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario.
GOBERNANZA
- Estruturas das xuntas directivas: análise e propostas de establecemento de xunta directiva diversa e independente que supervise e guíe as decisións estratéxicas da empresa.
- Transparencia financeira, propostas de mellorar a información financeira e a súa divulgación para garantir a transparencia.
- Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conduta empresarial que promovan a ética e a integridade a transparencia.
- Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conduta empresarial que promovan a ética e a integridade en todas as operacións.
CONCEPTOS SUBVENCIONABLES
- Activos materiais e inmateriais:
- Sensores, equipamentos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.
- Hardware e software intelixente para procesos da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos híbridos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos. Non serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.
- Nova maquinaria e bens de equipamento, unicamente no caso de que se trate de equipamentos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.
- Servizos de consultoría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativas: asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos… As colaboracións extensas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas non estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa. Tamén serán subvencionables os custos das certificacións das 4 tipoloxías anteriormente nomeadas: globais, ambientais, sociais e gobernanzas.
- Nos proxectos da modalidade colectiva, se se opta por contar cun organismo intermedio, serán subvencionables os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) cun límite total de 6.000 €.
Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.
ENTRE OUTROS DEBERANSE CUMPRIR OS SEGUINTES REQUISITOS
- As pemes beneficiarias de subvención deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % do importe subvencionable.
- Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude da axuda. Non se consideran inicio dos traballos os preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade.
- O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados abranguerá dende a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión (non se poderán presentar investimentos anteriores á solicitude de subvención).
- Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.
- O custo de adquisición dos investimentos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.
- O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.
CONTÍA DAS AXUDAS
- Subvención do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas.
- Subvención do 50 % dos gastos servizos de consultoría subvencionables para ambas as categorías de empresa, pequenas e medianas.
O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 € para os proxectos individuais e de 10.000 € por participante para os proxectos colectivos.
No caso de proxectos de investimento, o importe máximo do gasto subvencionable será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 60.000 € para proxectos individuais. No caso de gastos de consultoría, os importes máximos subvencionables serán de 25.000 euros por empresa no caso de proxectos colectivos e de 30.000 euros no caso de proxectos individuais.
PRAZO DE SOLICITUDE
Dende o 9 de maio ata o 15 de setembro de 2024, ás 14:00 h.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IG300F
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.