CLASIFICACIÓN NACIONAL DE ACTIVIDADES ECONÓMICAS 2025 (CNAE-2025)

Coa nova entrada en vigor do CNAE-2025, as empresas, autónomos e entidades xa rexistradas na Tesourería da Seguridade social están obrigadas a actualizar a súa codificación segundo esta nova CNAE antes do 30 de xuño de 2025. É posible que nestes días esteas recibindo algún aviso da Seguridade Social recordando esta obriga. Se queres saber como che afecta este cambio, bótalle un ollo a este artigo.

A Clasificación Nacional de Actividades Económicas (en adiante CNAE) é unha clasificación estatística das actividades económicas que se utiliza para sintetizar e presentar información sobre a actividade empresarial, tanto en operacións estatísticas de tipo económico como noutros ámbitos, como o social ou o ambiental.

Esta nova versión substitúe á anterior CNAE-2009 e é o resultado dun proceso de revisión coordinado coas clasificacións europeas (NACE Rev. 2.1) e internacionais (ISIC Rev. 5). A súa harmonización permite asegurar a coherencia e comparabilidade das estatísticas económicas a nivel global.

O INE, en colaboración co resto de organismos do Sistema Estatístico Nacional, está incorporando progresivamente a CNAE-2025 nas súas operacións estatísticas dende o 1 de xaneiro de 2025, conforme ás esixencias da lexislación europea. Na actualidade atopámonos nun período de adaptación que deberá estar rematado o 30 de xuño de 2025.

Principais cambios entre la CNAE-2009 y la CNAE-2025

En canto ás actividades ou epígrafes que sofren máis modificacións co novo CNAE-2025 están:

  • Actividades de intermediación: creáronse numerosas clases específicas para estas actividades. Anteriormente, estas actividades estaban incluídas nas clases dos produtos ou servizos obxecto de intermediación ou na clase 82.99 (Outras actividades de apoio ás empresas n.c.o.p.).
  • Industria manufactureira
  • Creación de novas clases para actividades de acabado de produtos realizadas por terceiros.
  • Unificación da fabricación de pezas específicas e a fabricación do produto completo na mesma clase.
  • Establecemento de novas clases para a fabricación e reparación de vehículos, barcos e aeronaves militares.
  • Comercio
  • Eliminación da división 45 (Venda e reparación de vehículos de motor e motocicletas), cuxas actividades se redistribúen nas divisións 46 (Comercio por xunto), 47 (Comercio polo miúdo) e 95 (Reparación e mantemento de ordenadores, artigos persoais e aparellos domésticos e vehículos de motor e motocicletas).
  • Supresión do criterio de clasificación do comercio polo miúdo segundo o canal de venda (en establecementos especializados, en liña, mercadiños, etc.) debido ao crecemento do comercio electrónico.
  • Enerxía e medio ambiente
  • Reestruturación das clases de produción dentro do grupo 35 (Subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado), destacando a importancia da orixe renovable ou non da enerxía.
  • Reestruturación da división 38 (Actividades de recollida, tratamento e eliminación de residuos), resaltando a valorización dos residuos.
  • Transporte

Reestruturación das clases de transporte terrestre de pasaxeiros dentro da división 49 (Transporte terrestre e por tubaxe).

  • Información e comunicacións

A sección J (Información e comunicacións) da CNAE-2009 divídese en dúas novas seccións:

  • Sección J: Actividades de edición, radiodifusión e produción e distribución de contidos.
  • Sección K: Telecomunicacións, programación informática, consultoría, infraestrutura informática e outros servizos de información.

Engádese, pois, unha nova sección, e como consecuencia, as seccións seguintes cambian a súa letra correspondente.

Efectos da nova clasificación para as empresas e persoas autónomas

A elección e o encadramento do tipo de actividade para unha empresa ten efectos a nivel do cálculo da seguridade social do autónomo e dos posibles traballadores, xa que a cotización por IT/IMS varía en función do tipo de actividade, a nivel de subvencións (para determinadas subvencións tense en conta o CNAE no que figura), a avaliación de riscos laborais, etc.

As principais consecuencias da entrada en vigor da nova CNAE-2025 son:

  • Estatísticamente, a transición da CNAE-2009 á CNAE-2025 implica que moitas actividades económicas cambiarán de código ou serán reclasificadas. Isto afectará as series temporais de datos estatísticos, xa que será necesario adaptar os datos históricos á nova clasificación para manter a coherencia e comparabilidade ao longo do tempo.
  • Necesidade de recodificación de actividades: As empresas e autónomos deberán revisar e actualizar os seus códigos CNAE para adecuarse á nova clasificación. O Instituto Nacional de Estatística (INE) proporciona ferramentas, como o codificador automático CodIA, para facilitar esta transición. Ademais, existen táboas de correspondencia entre a CNAE-2009 e a CNAE-2025 para axudar neste proceso.

Como facer a comunicación para adaptarse ao novo CNAE 2025

Coa nova entrada en vigor do CNAE-2025, as empresas, autónomos e entidades xa rexistradas na Tesourería da Seguridade social están obrigadas a actualizar a súa codificación segundo esta nova CNAE antes do 30 de xuño de 2025..

A CNAE-2025 pode dar lugar a distintas situación para as empresas: nalgúns casos, pode ser que o  CNAE non se modifique e se manteña a codificación, pode ser que cambie pero que exista unha equivalencia única cun novo código da CNAE-2025, pero tamén pode darse o caso de ter que elixir entre varios códigos, debido á que a nova clasificación desagrega a actividade recollida na CNAE-2009. Tamén é posible que existan códigos novos que resulten de aplicación a empresas que encaixaban de forma forzada en códigos CNAE-2009. 

Na maioría de casos, a antiga CNAE 2009 correspóndese cunha soa clase na nova CNAE-2025, polo que será automático determinar cal é o código CNAE-2025 que corresponde. Para o resto dos casos, será necesario atopar o código CNAE-2025 aplicable. 

No caso de empresas que dispoñan dun CCC (por ter traballadores contratados), a comunicación deberá facerse a través do sistema RED,  para o que se habilitou unha nova funcionalidade “Comunicar CNAE25” no servizo de “Xestión de varias actividades”, a través da que se poden seleccionar  respecto dun determinado CCC, os posibles códigos de CNAE-2025 que poidan resultar de aplicación en función da actual CNAE-2009 rexistrada.

No caso dos traballadores autónomos, a comunicación realizarase a través do portal  IMPORTASS da Seguridade Social, entrando na área persoal, pinchando en  “Ver todos os trámites sobre altas, baixas e modificacións” e seleccionando a opción de “comunicar código actividade CNAE25” ou ben directamente a través deste enlace.

Máis información

Consulta o Real Decreto 10/2025, de 14 de enero, por el que se aprueba la Clasificación Nacional de Actividades Económicas 2025 (CNAE-2025).

Consulta a nota informativa e o documento explicativo do INE. 

Para calquera información a maiores ou se precisas axuda para realizar este trámte, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido deste artigo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *