Entrevista realizada por Iván Castiñeira Barreiro, do Obradoiro de Emprego 2026 da Mancomunidade de Vigo.
Falemos un pouco de Garpe, nun mercado con tanta competitividade, ¿en qué se diferenza Garpe do resto de empresas do sector?
Fernando: Creo que o que nos diferencia é unha combinación de experiencia, capacidade técnica e atención personalizada.
GARPE é unha empresa con máis de 55 anos de historia, durante os cales tivemos que adaptarnos continuamente aos cambios tecnolóxicos e ás necesidades do mercado.
Hoxe contamos cunhas instalacións de 600 m² e maquinaria especializada que nos permite abordar proxectos moi diferentes, desde pequenas impresións ata grandes producións, traballos de rotulación ou impresión artística de alta calidade.
Pero, máis alá da maquinaria, considero que o noso principal valor está no asesoramento. Non nos limitamos a imprimir o que nos pide un cliente, senón que intentamos entender o que necesita e ofrecerlle a solución máis adecuada, tanto desde o punto de vista técnico como económico.
Nun sector no que cada vez resulta máis difícil competir exclusivamente por prezo, apostamos pola calidade, a confianza e o servizo.
Despois de moitos anos asentados na Avenida das Camelias, ¿cales foron as causas que levaron a mudarse á Avenida do Alcalde Portanet e que impacto xerou este cambio?
O traslado produciuse en 2020 e respondeu principalmente a unha necesidade de espazo e de adaptación ao tipo de traballos que estabamos realizando.
GARPE naceu en 1970 na rúa Camelias, nun momento no que a actividade estaba moi vinculada á reprodución de planos e documentos técnicos. Co paso dos anos, o negocio foi evolucionando cara á impresión dixital e, especialmente, ao gran formato.
As instalacións de Camelias acabaron quedando pequenas para a maquinaria, os materiais e os procesos produtivos que necesitabamos.
O cambio á Avenida do Alcalde Portanet permitiunos pasar a un local de aproximadamente 600 m², organizar mellor os diferentes departamentos e mellorar considerablemente a loxística, a produción e a manipulación dos materiais.
Foi unha decisión importante, porque supuxo un investimento considerable e, ademais, coincidiu co inicio da pandemia.
Con todo, considero que foi un paso fundamental para o crecemento da empresa e para poder afrontar proxectos que antes resultaban máis complicados.
Que ferramentas empregades para ter presenza no mercado?
O marketing é fundamental, aínda que recoñezo que historicamente GARPE medrou máis polo boca a boca e pola confianza dos seus clientes que polas campañas publicitarias.
Durante moitos anos, a nosa mellor publicidade foi o propio traballo realizado.
Actualmente somos conscientes de que iso xa non é suficiente. Ter unha boa presenza dixital é imprescindible, tanto para captar novos clientes como para mostrar o que somos capaces de facer.
Estamos traballando na mellora da nosa páxina web, no posicionamento en buscadores e na presenza en redes sociais como Instagram e LinkedIn.
Tamén consideramos moi importante participar en asociacións empresariais e entidades sectoriais, como o Clúster da Comunicación de Galicia, porque nos permite establecer relacións con outras empresas e coñecer mellor a evolución do mercado.
En calquera caso, creo que o marketing debe ser coherente coa realidade da empresa. Non se trata só de transmitir unha boa imaxe, senón de ser capaces de cumprir as expectativas que xeramos.
¿Participades na preparación dalgunha feira? Se é así, ¿en cal e qué impacto ten?
Si. Participamos habitualmente na produción de elementos gráficos para feiras, congresos, exposicións e eventos de todo tipo.
O noso traballo pode incluír desde a impresión de lonas, vinilos e paneis ata a fabricación de elementos de sinalización, decoración de espazos ou personalización de stands.
Traballamos con empresas organizadoras, axencias de comunicación, deseñadores e clientes que participan nestes eventos.
É unha actividade interesante porque require capacidade de resposta, coordinación e cumprimento estrito dos prazos. Nunha feira, a data de inauguración é inamovible, polo que non existe practicamente marxe para atrasos.
Ademais do impacto económico, estes proxectos permítennos mostrar o noso traballo en espazos de gran visibilidade e establecer novas relacións comerciais.
¿Qué accións se levan a cabo en materia de fidelización de clientes?
A nosa principal estratexia de fidelización é bastante sinxela: intentar que o cliente quede satisfeito e queira volver.
Dámoslle moita importancia á atención personalizada, ao asesoramento, ao cumprimento dos prazos e á resolución de incidencias.
Cando un cliente leva anos traballando connosco, coñecemos as súas necesidades, os materiais que utiliza e incluso as particularidades dos seus proxectos. Iso permítenos ofrecerlle un servizo máis áxil e eficiente.
Tamén intentamos ser flexibles cando xorden urxencias, algo bastante habitual no noso sector.
Creo que a fidelización non se consegue unicamente mediante descontos ou promocións. Conséguese demostrando, traballo tras traballo, que o cliente pode confiar en ti.
E cando cometemos un erro, que tamén ocorre, o importante é recoñecelo e buscar unha solución canto antes.
Actualmente cada vez son máis empresas polas que apostan polo método “Just in Time”, ¿é posible aplicalo neste caso?
É posible aplicalo parcialmente, pero considero que no noso sector sería arriscado depender exclusivamente deste sistema.
Traballamos cunha variedade moi ampla de materiais: vinilos, lonas, papeis, soportes ríxidos, tintas e outros consumibles.
Algúns son materiais de uso habitual que necesitamos ter sempre dispoñibles para responder con rapidez aos pedidos. Outros son produtos especiais que podemos adquirir especificamente para cada proxecto.
O problema do Just in Time é que depende moito da fiabilidade dos provedores e dos prazos de entrega.
Un atraso na recepción dun material ou dun consumible pode chegar a paralizar unha produción e provocar o incumprimento dunha entrega.
Por iso intentamos manter un stock mínimo de seguridade dos materiais máis utilizados e realizar compras específicas para os traballos menos habituais.
Creo que a clave está en atopar un equilibrio entre reducir o capital inmobilizado no almacén e garantir a continuidade da produción.
Atópaos tamén na súa web: https://garpe.com/

