O programa Talento Cooperativo 2025 representa unha oportunidade estratéxica para as cooperativas e entidades da economía social de Galicia que desexen consolidar a súa xestión interna. A través da incorporación durante seis meses dunha persoa moza formada en xestión empresarial, as entidades participantes poderán desenvolver un plan de mellora adaptado ás súas necesidades reais, sen custo económico. Esta iniciativa, promovida por EspazoCoop no marco da Rede Eusumo, contribúe ao fortalecemento organizativo e á remuda xeracional das empresas de economía social.
Obxecto
O obxecto do programa Talento Cooperativo 2025 é facilitar apoio ás entidades participantes mediante a incorporación de persoas formadas en xestión empresarial e con coñecementos específicos sobre cooperativas e outras fórmulas da economía social, co fin de fortalecer as súas competencias en xestión empresarial e favorecer unha alternativa de remuda xeracional para as empresas beneficiarias.
Beneficiarios
Este programa está dirixido a cooperativas e entidades de economía social en Galicia, que teñan vontade de mellorar a súa labor xerencial, co seguinte perfil:
- Que teñan realizada unha detección de necesidades ou eivas de cualificación nalgunha/s área/s de xestión.
- Que non teñan persoal adscrito específico cualificado para a área e xestión e xerencia
- Que poñan a disposición da persoa bolseira os medios técnicos, materiais e tecnolóxicos precisos para o desenvolvemento do seu traballo.
- Que poñan o tempo preciso a disposición para poder cumprir co itinerario de traballo establecido entre as partes (entidade beneficiaria – EspazoCoop- persoa beneficiaria), ó inicio do programa, para o período que dura a estadía (6 meses)
En que consiste a axuda
As entidades que sexan beneficiarias do programa non reciben unha axuda económica como tal, se non que terán dereito a dispor dunha persoa bolseira de xeito gratuíto. Desta maneira, fináncianse as actividades que desenvolva a persoa bolseira durante 6 meses (25h/semana) para apoiar a xestión interna da entidade.
As persoas que se incorporan como bolseiras serán persoas desempregadas menores de 30 anos con formación en administración, economía, dirección de empresas ou FP relacionada.
As persoas bolseiras contan cunha retribución mensual e alta na Seguridade Social cubertas por EspazoCoop, formalizadas nun acordo de colaboración entre as tres partes. A bolsa (700 €/mes brutos) é financiada integramente polo programa.
Convócanse un total de 4 bolsas.
Prazo de solicitude
As empresas de economía social que queiran optar por unha das bolsas establecidas neste programa, teñen ata o 30 de xuño de 2025.
Máis información
Consulta a
Procedemento de tramitación:
Remitir a solicitude por correo electrónico á Unión de Cooperativas EspazoCoop a: roberto@espazo.coop
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.