Conversamos con Leticia Costas, emprendedora viguesa e creadora da empresa KidCode. Este proxecto, que xa conta con dous anos e medio de vida, é unha academia de programación e robótica educativa para nenas e nenos de entre 5-17 anos que desexen aprender, innovar, construír e programar empregando as novas tecnoloxías. En KidCode apréndese creando videoxogos, APP, robots… sempre dunha maneira lúdica e creativa, motivando ao alumnado e formulándolle novos retos que esperten a súa iniciativa. Neste proxecto trabállase coas nenas e nenos desde a lóxica, a resolución de problemas, as novas tecnoloxías e as matemáticas.
-Cal é o concepto KidCode?
A misión de KidCode é achegar a tecnoloxía ás persoas, para que as súas ideas teñan un maior impacto no mundo. Non se trata de que todos se convertan en programadores senón de sacar o mellor que cada un de nós ten dentro por medio da tecnoloxía. Comezamos ofrecendo esta experiencia en formato extraescolar para nenas e nenos pero de seguido comprobamos que outros perfís podían beneficiarse da adquisición de habilidades tecnolóxicas e dixitais.
-Como nace este proxecto?
KidCode nace do meu propio interese por aprender a programar. Cando deixei o meu traballo en Barcelona, quixen dedicar un tempo a reciclar os meus coñecementos e descubrín moitos recursos interesantes. Dediquei un ano a investigar as mellores ferramentas, formatos, entornos, aplicacións… e fun deseñando a miña experiencia ideal de formación tecnolóxica.
-Cal é a túa experiencia previa a este proxecto, e en que momento decidiches emprender?
Sempre traballei por conta allea, desde o primeiro ano de carreira. Primeiro en temas de produción de cine, logo en marketing e comunicación e o meu último traballo foi de divulgación científica e médica, a miña especialidade.
Tiña experiencia no ámbito do emprendemento social, axudando a organizacións a crear ramas de negocio que tivesen un impacto positivo nas vidas dos seus usuarios. Tamén estiven involucrada cunha ONG coa que aínda colaboro na organización de eventos. Cando te das de conta de que podes deseñar produtos, servizos ou experiencias que aportan valor e ao mesmo tempo tes habilidades para achegar eses servizos á xente que podes axudar, emprender é un paso bastante natural.
-Até o de agora, que momento salientarías coma o máis difícil á hora de emprender?
Non vou negar que sacar unha empresa adiante é sacrificado. O normal é ter recursos limitados ao comezo. Tomar as decisións e priorizar a que dedicas eses recursos (tempo ou cartos) é unha grande responsabilidade e pode ter un impacto negativo no noso negocio.
-E cal foi para ti o momento más gratificante no camiño do emprendemento?
Non hai só un. Eu valoro moito a posibilidade de crear todo o tempo. Xerar proxectos novos, crear sinerxias con outras empresas, elixir a forma na que quero traballar… e por suposto, recibir o feedback positivo dos nosos alumnos e as súas familias é moi importante para nós. Comprobar como os rapaces adquiren unha cultura tecnolóxica, coñecen novas profesións atractivas que poden desempeñar en Galicia, como traballan a súa autoestima e confianza creativa… é moi agradecido. Temos incluso dous alumnos que xa nos botaron o seu currículo porque queren traballar con nós cando sexan maiores. Iso quere dicir que a súa experiencia é boa e séntense vinculados co que facemos. Iso foi xenial.
-Quen formades o equipo de KidCode?
Somos un equipo de enxeñeiros, programadores e creativos de diversa índole. Temos profesores que estudaron enxeñería informática, telecomunicacións ou industriais que aportan os coñecementos técnicos. Pero tamén é moi importante a labor de investigación de novos recursos e as creatividades para plantexar desafíos motivadores para os nenos. Eu mesma considérome máis investigadora e divulgadora científica dentro da empresa.
-Apostades polo software libre.
Si, en KidCode fomentamos o uso do software libre para que o alumnado poida seguir empregando esas mesmas ferramentas na casa. Tamén temos o último en robótica educativa, electrónica e impresión 3D, incorporando as ferramentas máis novidosas en programación e tecnoloxía para educar aos máis pequerrechos.
-Pódesnos dar algunhas cifras de KidCode?
Para min, as cifras máis importantes son as de nenos que teñen pasado por aquí. Este e o noso terceiro ano de actividade e neste tempo chegamos a case 500 nenos. Iso sen contar todas as actividades gratuítas e divulgativas que facemos en colexios para intentar emocionar aos nenos coa tecnoloxía.
-Como imaxinas este proxecto o vindeiro ano? E a longo prazo?
O xenial de KidCode é que irá evolucionando a medida que cambien as ferramentas, as linguaxes de programación, as aplicacións… en definitiva, a tecnoloxía. Nós deseñamos os desafíos en contexto, de forma que estamos á ultima co progreso tecnolóxico: creamos exercicios de realidade aumentada; programamos o noso propio whatsapp; tamén fixemos un bot cunha intelixencia artificial sinxela… agora mesmo estamos traballando nun coche autónomo con Lego, que funciona gracias a visión artificial, e deseñamos unha criptomoeda, só con fins educativos. O mellor de todo é que KidCode cambia todo o tempo para seguir sendo relevante.
-Que che gustaría saber antes de emprender?
“Podes facelo”. O máis difícil é sentirse lexitimado para crear unha empresa. Sempre hai xente que intenta disuadirte ou meterte medo porque realmente implica moita responsabilidade, capacidade de aprender dos teus erros… Pero se esperas a estar 100% preparado nunca chegará o momento. O máis importante é a actitude, a capacidade de traballar moito e de aprender rápido. E para min o máis importante… ter empatía. Se tes empatía sempre poderás axudar aos demais a resolver os seus problemas usando as túas habilidades, produtos ou servizos. Se escoitas o teu público obxectivo e queres axudar de forma xenuína, encontrarás a forma de aportarlles valor.
-Como muller emprendedora, consideras que agora existen máis oportunidades para triunfar?
Depende do concepto de “triunfo” que teña cada un. Emprender é difícil, e posicionarte en segundo que sectores segue sendo máis difícil para unha muller que para un home. É verdade que existen algunhas axudas pero unha non pode emprender pensando en que lle darán axudas por ser muller. Tes que poder validar a túa proposta de valor independentemente diso. Para min, trunfar e poder dedicarme a algo que me faga feliz, sen facer dano a ninguén e que me deixe tempo para a miña vida persoal. Iso inclúe poder ter fillos e dedicarlles tempo sen que iso prexudique o meu proxecto empresarial.
-Que consello darías aos novos emprendedores?
O primeiro, que non deixen de formarse nunca. Iso lles permitirá medrar como profesionais e como empresarios. O segundo, que escoiten de forma activa, que se interesen e coñezan o seu público potencial, os seus usuarios. E terceiro, que validen a súa idea de negocio antes de se lanzar.
Existen metodoloxías áxiles como o Lean, que se poden aplicar á empresa para validar o noso produto ou servizo antes de lanzalo. Non ten sentido dedicar todo o noso esforzo e recursos en crear unha solución que xa existe ou peor aínda, que ninguén quere.
-Existe algunha fórmula secreta para o éxito ou é todo traballo e paciencia?
De novo, depende do concepto de éxito que cada quen teña. Hai que atopar un proxecto que nos motive tanto que queiramos dedicarlle unha boa parte do noso tempo. Ten que apaixoarnos para que nos momentos máis difíciles non perdamos a motivación. Temos que saber por que facemos o que facemos. Cal é a razón de que exista a nosa empresa, a nosa solución. En KidCode existimos para sacar o mellor das persoas a través da tecnoloxía porque sabemos que así as súas ideas terán un maior impacto no mundo. Se ti tamén tes unha causa, paga a pena loitar por ela.