A Axencia de Turismo de Galicia vén de publicar esta convocatoria plurianual 2025-2026 de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a establecementos turísticos de aloxamento ou de restauración rexistrados no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia) situados en zonas costeiras. Estas subvencións están financiadas con fondos europeos NextGenerationEU e están destinadas a promover actuacións que contribúan á integración coa paisaxe, ao respecto dos valores ambientais e á mellora da fachada e corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras. O fin último é contribuír ao embelecemento do litoral galego e a un modelo de turismo sostible.
Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que teñan autorización conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
- Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.
- As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares).
Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:
- Ter a condición de pequena e mediana empresa (PEME).
- Os datos que figuren no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación deberán coincidir cos datos facilitados polo solicitante da subvención.
- Os bens obxecto da subvención deben ser novos, adquiridos a terceiros e en propiedade (agás excepcións en alugueiro/concesión).
- Cumprir co principio de “non causar prexuízo significativo” (DNSH) ao ambiente.
Actuacións e gastos subvencionables
Establécense tres liñas de acción:
Liña 1. Eficiencia enerxética.
- Actuacións para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións de iluminación e reducir o consumo.
- Esixe presentar certificado de eficiencia enerxética inicial e final.
- Investimento mínimo subvencionable: 5.000 €.
Liña 2. Dixitalización de recursos con potencial turístico.
- Implantación de sistemas de xestión: PMS, ERP, CRM, channel manager,…
- Ferramentas de análise de datos e motores de reserva.
- Desenvolvemento de códigos QR turísticos.
- Creación de ferramentas dixitais de promoción: visitas virtuais, imaxes 360º, galerías e guías interactivas, etc.
Liña 3. Mellora da fachada turística do litoral.
- Revestimento/pintado de paramentos cegos en mal estado ou con materiais inadecuados.
- Renovación de carpintarías ou cerrallarías exteriores deterioradas ou con cores non axeitadas.
- Cubertas: remate ou renovación de acabados exteriores visibles (exclúe elementos estruturais).
- Muros de cerramento: revestimento de ladrillo/bloques sen tratar, recuperación ou restauración de muros tradicionais de pedra.
- Pintado de portas, portais ou cerrallarías exteriores en mal estado ou con cores non axeitadas.
- Gastos de proxecto, honorarios e dirección facultativa (que non supoña máis do 5 % do investimento subvencionable e cun máximo de 5.000 €).
- Obriga de aplicar criterios de sostibilidade: uso de materiais reciclables, naturais, baixo impacto ambiental.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.
O investimento neto admitido para cada liña será, como máximo, de:
- ata 25.000 € na liña 1
- ata 15.000 € na liña 2
- ata 250.000 € na liña 3.
No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior aos ditos límites, solicitarase un reaxuste do proxecto que se vai executar.
Non serán subvencionables os seguintes gastos:
a) Gastos de mantemento ordinarios.
b) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, multas, taxas…
c) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos
d) Seguros
e) Custos financeiros.
f) Custos asociados a sancións administrativas, así como gastos de procedementos xudiciais.
g) A vixilancia e a seguridade durante a execución da obra ata a data de posta en marcha.
h) Os custos de persoal propio.
i) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
j) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
k) Gastos en equipamento que impliquen o consumo de combustibles fósiles (tales como petróleo, carbón ou gas natural).
Contía das axudas
Ata un 80% do custo subvencionable, cos seguintes máximos por cada liña:
Liña de actuación | Investimento máximo subvencionable | Axuda máxima (80 %) |
---|---|---|
Liña 1 | 25.000 € | 20.000 € |
Liña 2 | 15.000 € | 12.000 € |
Liña 3 | 250.000 € | 200.000 € |
En ningún caso o conxunto de axudas percibidas pode superar os 300.000 € nun período de tres anos (en aplicación do réxime de minimis).
Prazo
O prazo de solicitudes de axuda comeza o 12 de setembro e remata o 12 de novembro de 2025.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: código TU503F
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.