A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa convoca para o 2025 do Programa Peme Dixital, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, que inclúe axudas económicas de ata o 60% para a implantación de solucións TIC nas PEMES que estean dadas de alta no IAE no territorio da súa demarcación cameral.
Para poder levar isto a cabo, o Programa proporciónalle ás empresas beneficiarias:
- Unha análise ou diagnóstico gratuíto das necesidades, centrado na utilización das TICS para a mellora da competitividade, o comercio electrónico e o marketing dixital.
- Un asesoramento personalizado, definindo que plans levar a cabo.
- Unha axuda económica para a implantación do plan personalizado de mellora.
BENEFICIARIOS
Pequenas e medianas empresas , xa sexan persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, que se atopen dadas de alta no Censo do IAE e que cumpran ademais os seguintes requisitos:
- Estar dada de alta no Censo do IAE antes do 1 de xaneiro de 2023.
- Ter unha cifra de negocio mínima de 100.000€ na última anualidade.
- Ter o seu domicilio social e/ou centro produtivo nalgún dos municipios da demarcación da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de conformidade cos datos recollidos no censo.
- Estar ao corrente das obrigacións tributarias e fronte á seguridade social.
- Non ter a consideración de empresa en crise
- Cumprir a norma de minimis segundo a cal o importe total das axudas de minimis concedidas a empresa non será superior a 300.000 euros nos tres anos previos.
Poderán optar directamente a Fase II de implantación (axudas directas) as pemes que xustificaran documentalmente a súa participación previa na Fase de Diagnóstico na anualidade anterior ou acrediten ter participado na anualidade anterior nun programa similar de asesoramento na incorporación das TIC nas PEMES, de organismos de promoción das CCAA, de organismos públicos nacionais, rexionais ou locais ou de Cámaras de Comercio.
Exclusións
Exclúense destas axudas:
- As comunidades de bens e as sociedades civís, así como as unións temporais de empresas, asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
- Empresas que operen na produción primaria de produtos agrícolas ou da pesca e acuicultura.
- Non poderán participar na Fase I de diagnóstico as empresas que realizasen o dito diagnóstico na anualidade anterior.
- Non poderán ser beneficiarias da Fase II de implantación as empresas que resultaran beneficiarias desta fase nalgunha convocatoria anterior do Programa no período de programación FEDER 2021-2027 con posterioridade ao 31/12/2023.
TIPOS DE APOIO
Este programa inclúe os seguintes apoios, que terán lugar en dúas fases:
Fase I. Diagnóstico Asistido en TIC: nesta fase realizaráselle á PEME un diagnóstico personalizado co fin de analizar o seu nivel de dixitalización e as súas posibilidades de mellora mediante o estudio da súa cadea de valor. Trátase dun diagnóstico totalmente gratuíto para a empresa.
Como resultado, proporcionaránselle unhas recomendacións de solucións a implantar nalgunha das liñas seguintes:
- Ferramentas de produtividade e xestión empresarial na nube
- Comercio electrónico
- Marketing dixital
Fase II. Axudas para a implantación do Plan personalizado: consistirá nunha axuda económica para a implantación das solucións de dixitalización establecidas como resultado da fase I. O Plan Personalizado de Implantación terá en conta as características e o sector da actividade da empresa. Tamén se inclúen actuacións de seguimento e acompañamento por parte da Cámara de Comercio para facilitar o aproveitamento das solucións implantadas.
O prazo máximo para o desenvolvemento desta fase é de 6 meses.
AXUDAS E CONTÍA
Por unha banda, as empresas beneficiarias recibirán os servizos gratuítos de asesoramento e seguimento por parte da Cámara de Comercio.
Ademais deses servizos gratuítos, a contía máxima de axuda que cada empresa poderá recibir para a implantación das solucións TIC será de 4.494€, sobre un orzamento máximo elixible de 7.494€, que será prefinanciado na súa totalidade pola empresa beneficiaria e cofinanciado por FEDER ao 60%.
PRAZO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 14 de abril ás 9.00h e finalizará o 30 de abril de 2025 ás 14.00h. Os interesados poderán presentar únicamente as súas solicitudes e documentación a través do formulario habilitado a tal efecto na Sede electrónica.
MÁIS INFORMACIÓN
Consulta a Convocatoria Programa Peme Dixital 2025.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.