A Xunta de Galicia lanza esta convocatoria de axudas dirixidas ás persoas traballadoras e as pequenas e medianas empresas de recente creación, coa finalidade de contribuír ao seu mantemento e a súa mellora competitiva. A través desta liña, subvenciónanse parcialmente os investimentos realizados na actividade, que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído.
BENEFICIARIOS
Persoas autónomas, mutualistas e pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, cos seguintes requisitos:
- Ter domicilio fiscal en Galicia.
- Estar constituídas/dadas de alta e que iniciasen a súa actividade económica a partir do 1 de xaneiro de 2022.
- Non ter sido beneficiarias das axudas para INICIATIVAS DE EMPRENDEMENTO nas convocatorias 2022 e 2023.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Os investimentos que correspondan ao proxecto empresarial e que xa foran realizados e pagados entre o 30 de setembro de 2023 e a data da presentación da solicitude. En concreto:
- Equipamento informático: ordenadores, tabletas, equipamentos de rede, servidores, escáners e similares (NON serán subvencionables os teléfonos móbiles).
- Activos intanxibles: programas software, páxina web, patentes, etc.
- Investimentos en eficiencia enerxética.
- Adquisición de bens de equipamento e mobiliario: maquinaria, mobiliario, bens de equipo ou ferramentas.
- Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
- Gastos notariais e/ou rexistrais.
- Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade.
- Adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man sempre que cumpran os seguintes requisitos:
- que os activos sexan adquiridos a unha terceira persoa non relacionada coa persoa compradora: cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.
- que conste unha declaración sobre a orixe dos bens e de que estes non foron obxecto de ningunha subvención anterior.
- que o prezo non sexa superior ao valor de mercado nin ao custo dos bens novos similares.
O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido durante 5 anos dende a data de pagamento final á persoa beneficiaria e o resto do investimento, durante 2 anos desde a devandita data.
CONTÍA DA AXUDA
O importe da axuda calcularase tendo en conta as seguintes porcentaxes, en función do investimento total realizado:
- Para investimentos entre 5.000 € a 10.000 €: 60% do investimento.
- Para investimentos entre 10.001 € a 30.000 €: 50% do investimento.
- Para investimentos entre 30.001 € a 50.000 €: 40% do investimento.
- Para investimentos entre 50.001 € a 100.000 €: 30% do investimento.
Para o cálculo do investimento non se inclúen os gastos de alugamento nin os notariais nin rexistrais.
DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
Xunto co ANEXO I (que se presentará telemáticamente), deberá presentarse a seguinte documentación:
- Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelos 036 ou 037).
- Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento. As facturas presentadas terán un importe mínimo de 300 € (IVE excluído). Ademais, cando o importe do investimento subvencionable supere os 15.000 €, ou os 40.000 € en caso de execución de obras, as persoas interesadas deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación.
- Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.
- Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidade sen personalidade xurídica.
PRAZO
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto dende o 12 de febreiro ata o 5 de setembro de 2024, agás que se esgoten os créditos.
INFORMACIÓN ADICIONAL A TER EN CONTA
Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis.
As persoas beneficiarias deben manter polo menos durante un período de 2 anos a forma xurídica beneficiaria da subvención.
Estas subvencións serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, sempre que non supere o 100% do investimento subvencionable.
As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir por orde de presentación de solicitudes (considerando a data na que se teña presentado a documentación completa requirida nas bases), ata o esgotamento de crédito.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR880A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.