SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDAS OU ELÉCTRICAS – ADHESIÓN DE ENTIDADES COLABORADORAS

Se tes un establecemento comercial e queres ser entidade colaboradora do Programa EBici, que ten como obxectivo fomentar a adquisición e o uso de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido e de bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, esta información interésache.

O programa EBici está dirixido ao fomento do uso de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido e de bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, mediante unha liña de subvencións para a súa adquisición.

As solicitudes de subvención terán que tramitarse a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas (establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que solicitaran a súa adhesión).

Xa está aberto o prazo para solicitar estas axudas na convocatoria 2023 e tamén está aberto o prazo para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (procedemento IF319A).

Nesta ocasión, ímonos centrar no procedemento para a adhesión das entidades colaboradoras, que integrarán un listado que se publicará na páxina https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/ebici?langId=es_ES.

Esta adhesión supón para o comercio local a posibilidade de incrementar as súas vendas e ingresos.

Requisitos entidades colaboradoras 

Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais ou sanitarios abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia que se dediquen de forma total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido e/ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas e aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas:

Obrigas das entidades colaboradoras

  1. Realizar ante a Dirección Xeral de Mobilidade os trámites para solicitar a axuda.
  2. Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.
  3. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude da axuda (anexo II) e solicitude de pagamento (anexo IV) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.
  4. Vender no marco da iniciativa só as bicicletas eléctricas e bicicletas de man que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.
  5. Descontar directamente a axuda na factura da actuación, de maneira que a persoa beneficiaria non chegue a realizar o desembolso.
  6. Exhibir nos establecementos comerciais ou nos puntos de venda durante a vixencia do programa un cartel de promoción deste en que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida, conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible).
  7. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
  8. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Dirección Xeral de Mobilidade.
  9. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Mobilidade para todos os efectos relacionados coa subvención, e colaborar na xestión das subvencións.
  10. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.
  11. Remitir copia dixitalizada da devandita documentación á Dirección Xeral de Mobilidade.
  12. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.
  13. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.

Axudas para os compradores

Cando un comprador adquira unha bicicleta no establecemento comercial adherido ao probrama, a tenda será a que presente todos os documentos para a solicitude da subvención. 

O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido será de:

  • 500 € por bicicleta e persoa beneficiaria.
  • 600 € para integrantes dunha familia numerosa.
  • 700 € para familia numerosa de categoría especial.
  • Para as bicicletas de man híbridas ou eléctricas, o importe máximo da axuda será de 700 €.

De calquera maneira, cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man.

A cantidade da subvención non poderá ser superior a:

  • 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para unha persoa beneficiaria xeral
  • 60 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa.
  • 70 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa con categoría especial ou adquirentes dunha bicicleta de man.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras estará aberto ata o  31 de agosto de 2024.

Máis información

Consulta a ORDE do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 .

Acceder ao procedemento de tramitación:

  •  Código de procedemento para entidades colaboradoras IF319A
  •  Código de procedemento para solicitud de axudas  IF319B.

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *